Campamento romano de Aquis Querquennis / youtube

Coñece os BIC de Galicia máis visitados e os que están case prohibidos

Galicia pechou o ano 2017 cun total de 694 Bens de Interese Cultural (BIC), aos que se lles poderían sumar seis máis antes de acabar o ano 2019, ao iniciarse xa a incoación dos expedientes do arquipélago de Sálvora, a Cova Eirós, o Pazo de San Isidro, a Ribeira Sacra, o campamento romano de Aquis Querquennis e as técnicas construtiva da carpintaría de ribeira.

Pero, deses case 700 bens, cales son os máis visitados?. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural asegura que é moi difícil saber isto. Que non hai unha cifra dos bens visitados, nin métodos para sabelo e destaca que, ademais, hai BIC’s “privados” cuxos propietarios non teñen a obriga de facilitar eses datos.

Torres da catedral de Santiago no lusco e fusco / turismodecompostela.com

O máis visitado

Con todo, e segundo a Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia, o monumento galego máis visitado é, “con moita distancia”, a Catedral de Santiago; e outros que acumulan moitas visitas son a Torre de Hércules (A Coruña), o Parador de Baiona, Combarro (Poio), a muralla de Lugo e o Castro de Santa Trega (A Guarda).

Non obstante, non son os máis promocionados pola Xunta que, desde hai anos, aposta, sobre todo, polos diversos camiños a Santiago. De feito, xa son BIC o Camiño Francés, o Camiño do Norte da Costa e o Camiño do Norte do Interior (tamén coñecido como Camiño Primitivo ou de Oviedo). Tamén hai querencia pola promoción dos conxuntos históricos como son o de Santiago, Ribadavia, Pontevedra, Tui, a Vila de Muros ou Ourense. A Xunta, principalmente, Turismo de Galicia, traballa xa nun programa específico para promocionalos no 2018, cun paquete de turismo de compras por centros históricos e iniciativas polo Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

Polémicas

Aínda que os titulares dos BIC –sexan administracións, igrexas ou particulares– teñen a obriga de permitir a súa visita pública gratuíta un mínimo de catro días ao mes durante polo menos catro horas ao día, en moitos casos isto non se cumpre. En moitos deles establécense “restricións“, como é o caso da Catedral de Santiago, outras catedrais e igrexas, pazos e paradores.

E, no marco destas restricións destaca a polémica relacionada co Pazo de Meirás que foi declarado como BIC en 2011 pero que rexistrou incumprimentos reiterados na apertura para as visitas por parte dos propietarios, a familia Franco, que xestiona os accesos a través da Fundación Francisco Franco. Un feito que lle valeu varias sancións pero de contías ridículas. A suma non supera os 6.000 euros.

Pero non é o único. Tamén no Castelo do Príncipe, en Cee (A Coruña), incluído como BIC no 1994, pasa o mesmo. A Plataforma en Defensa do Castelo do Príncipe leva anos pedindo que esta fortaleza levantada no século XVIII abra as súas portas ao público, pero atópanse coa negativa dos seus propietarios.

Son algúns casos, pero hai moitos outros espallados por todo o País. Un feito que teñen xa denunciado particulares e asociacións.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: