Á dereita, o posible guerreiro galaico do Arco de Carpentras / culturagalega.org

Descubre como era un guerreiro galaico das guerras con Roma tras atoparse esculpido nun arco de triunfo

No arco romano de Carpentras, de principios do século I d.C. hai catro figuras de cautivos. Na maior parte da bibliografía internacional sobre o monumento, hai consenso ao redor do que representan dous deles, porque levan atributos habitualmente empregados en Roma para identificar a etnias e pobos que se enfrontaron a Roma. Os outros dous figuraban sen interpretación, baixo o impreciso título de “bárbaros”. Pero o catedrático de Arqueoloxía de Grecia e Roma da Universitat Rovira i Virgili, Joaquín Ruiz de Arbulo, cre que a figura do Oeste ten unha lectura moi clara. O guerreiro está encadeado coas mans nas costas, ten unha forte musculatura, viste unhas rudas capa e túnica de la para protexerse do frío, ten poboada barba e unha melena levada polo vento. Aos seus pés hai un símbolo determinante: a característica falcata, a espada de filo curvado típica da Iberia prerromana. “É un cativo galaico”, afirma na súa proposta o arqueólogo.

Anacos identificados da escultura de Tarraco e a súa identificación coa figura de Carpentras / Universitat Rovira i Virgili – culturagalega.org

A súa atribución como guerreiro galaico xorde a partir das investigacións para solucionar un gran crebacabezas arqueolóxico na antiga Tarraco, capital da metade norte da Hispania romana, tal e como recolleu o profesor e xornalista Manuel Gago nun artigo publicado en culturagalega.org.

Así, sinala que o equipo científico da Universitat Rovira i Virgili está centrado nun aspecto deixado de lado moitas veces na investigación arqueolóxica: a recompilación e interpretación de datos das escavacións urbanas. Unhas investigacións que descubriron nun dos dous foros de Tarraco, capital da Hispania Citerior, decorado con imaxes simbólicas dos pobos vencidos, unha gran figura de grandes ollos. Desta figura só se conservaba a zona superior, a parte inferior das pernas e unha pequena parte dun elemento decorativo da base da figura. Os arqueólogos comezaron a buscar paralelos con esa representación. E foi aí como chegaron á Provenza, ao arco romano de Carpentras, dunha cronoloxía tamén de principios do século I d.C.

Os catro pobos vencidos

Neste arco hai catro personaxes. No sur está un exipcio, e da outra volta, no norte, un guerreiro xermánico representado polo ánade. Da outra banda, temos o leste, identificado como un guerreiro frixio polo tipo de gorro e o dobre machado. E no oeste, outro guerreiro con falcata, a espada curva empregada en Iberia, e vestido cunha grosa prenda de lá para sinalar que procede dun clima moi frío.

Ilustración representando os catro prisioneiros do arco de Carpentras. O galaico sería o segundo desde a esquerda / Universitat Rovira i Virgili – culturagalega.org

Para o equipo de Joaquín Ruíz de Arbulo trátasa, sen dúbida, dun guerreiro galaico e o arco de triunfo representa os pobos sometidos por Augusto nos catro recunchos do seu imperio. Sustenta esta teoría noutras representacións dos galaicos; unha nun dos templos de Afrodisias, unha opulenta cidade grega e romana en Turquía onde aparece, nunha mención epigráfica, a etnia dos kallaikói, dos galaicos. A outra tamén en Tarraco, no foro provincial, ubicado na zona superior, onde se conservan pedestais das estatuas dos flamines, os sacerdotes do culto imperial, membros da aristocracia que accedían a este cargo de prestixio na antiga Roma. Varios deles son do convento lucense, do asturicense e do bracarense.

Galaico derrotado

Pero o que chama a atención deste guerreiro galaico, tal e como apunta Gago, é que esta representado como un guerreiro vencido. De feito, a falcata está aos seus pes, para indicar a súa procedencia, porque as mans están presas cunha longa cadea que indica submisión de todo o pobo galaico a Roma. Unha representación que contrasta coas que se coñecen dos denominados guerreiros castrexos, que soen estar representados cos seus atributos militares, o torque e o escudo, principalmente. Podes ler todo o artigo aquí.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: