Cigarróns no Entroido de Xinzo de Limia

Domingo Farelo, Domingo Oleiro e Festa da Pita, así arrinca o Entroido galego

Se á calor dos espetos do Santo Antón de Ábedes abríase nesta localidade Verinense o ciclo do entroido galego, a pasada fin de semana tomaba a testemuña Xinzo de Limia, a localidade de Galicia que presume de ter o entroido máis longo de toda España. O nacemento desta festa foi vai unha semana xa co Domingo Fareleiro e esta fin de semana co tradicional Domingo Oleiro e máis o izado do meco. Tamén a localidade Ourensá de As Eiroas celebrou a tradicional Festa da Pita, co que queda inaugurado o ciclo do entroido en tres grandes lugares da provincia por excelencia dos das festas do inverno galego. Por diante queda máis dun mes de festexos que percorrerán todo o territorio de norte a sur e de este a oeste coas diferentes peculiaridades de cada localidade.

E é que o renacer agrario, a matanza e a proximidade da primavera, así como as esixencias da cultura católica, fan que para o mundo labrego foran estas unha das celebracións máis arraigadas no nos país, manténdose ata día de hoxe. Seguramente por isto son as comarcas de Lugo e de Ourense os lugares nos que as celebración do entroido contan cunha maior relevancia, sendo moitas delas Festas de Interese Turístico Nacional, como as de Xinzo de Limia ou Verín ou de Interese Turístico Galego. Enraizando con días a medio camiño entre a tradición cristiá e a pagá coma o Santo Antón, A Candelaria ou as festas gastronómicas en relación ós produtos da matanza, coma a Festa do Cocido de Lalín ou a da Filloa en Lestedo, iníciase así un ciclo no que a diversión antes da austeridade da coresma pon patas arriba as principais cidades e vilas de Galicia.

Domingos Farelo e Oleiro en Xinzo de Limia 

Así, máis alá do xa comentado Santo Antón, o Domingo Farelo é o día que se abre verdadeiramente o ciclo do entroido galego. Nel as rúas de Xinzo tínguense de branco para unha das batallas pacíficas máis importantes de todas as festas galegas. Nela repártense 200 kg de farelo, unha mistura de fariñas artesanais de trigo e centeo moídos, -nada de fariñas industriais- que serve de proxectil nesta guerra entre veciños, onde moitos deles engaden á repartida polo Concello á súa propia munición.

En si trátase dun ritual de purificación e de enxalzamento da produción labrega no comezo do tempo por excelencia da carne. Mais a festa arrinca de certo a noite anterior co non moi antigo pero xa tradicional petardazo das 12 da noite. A partires de aí, unha charanga e máis un grupo de música tradicional amenizan a festa dando lugar ó comezo do entroido e a véspera da campal batalla. Así arrinca a Festa de Interese Turístico Nacional desta localidade.

Entroido en Xinzo de Limia / xinzodelimia.blogspot.com

Pero non remata a festa aí, senón que so se traslada unha semana no tempo, ata o sábado seguinte. Nesta ocasión é o meco o protagonista ou, polo menos, o espectador de primeira man do espectáculo da festa. Este sábado faise o tradicional desfile e pendurado do meco en procesión dende o casco histórico ata a Praza Maior acompañado de carrozas e fachóns ata ser pendurado na praza ó son das gaitas. A partires de este intre e ata o seu enterro presidirá dende a praza maior o mes de celebracións.

Xa en domingo, a partires do mediodía sae do Museo do Entroido o chamado carro das olas para dar lugar a un novo día de festa. No Domingo Oleiro son os veciños da localidade, xa disfrazados e caracterizado para a ocasión, os que fan voar olas de barro polo aire ata que desafortunadamente a maioría delas atopan ó seu destino esnaquizadas no chan. Segundo conta a tradición, será quen rompa o maior número delas a quen lle toque pagar os viños, aínda que unha variante desta lenda pedía facer rolda a rolda o voado de barro, coa conseguinte diminución da propia puntería.

Festa da Pita, Festa do Lacón e Domingo Corredoiro

Mais estas dúas non pasan de ser un arrinque do que virá despois. Xa pasadas estas dúas fins de semana co arrinque do mes de febreiro entramos xa de cheo nas diferentes celebracións do entroido. Para isto o centro de gravidade pasará da comarca da Limia a outros lugares de Galicia, coma a cidade de Ourense, ou máis ben ó concello, xa que é alí onde se celebra aínda o mesmo venres 26 a Festa da Pita nas Eiroás, un barrio da cidade. Alí, vai uns anos, recuperouse a antiga máscara da pita, un traxe semellante a doutras máscaras da provincia pero que ten por protagonista a imaxe dun ave cun moi longo pico de tons alternos e cintas de cores a xeito de plumas.

Con esta festa remata xaneiro, pero a primeira fin de semana de febreiro ven igualmente cargada de festas de diferentes tipos xa ó longo de toda a xeografía de Galicia. Este é xa o fin de semana que entra. Entre elas se cadra a máis afamada é unha festa gastronómica, a Festa do Cocido de Lalín, onde unha das comidas máis proteicas da nosa gastronomía é enxalzada na capital do Deza, unha auténtica homenaxe á matanza e o porco. Tamén é o comezo en moitas localidades da saída das máscaras e dos disfraces, como a aparición dos Xenerais do Ulla, nas comarcas de A Estrada, Deza e Santiago, Peliqueiros, Cigarróns e Pantallas nas comarcas de Xinzo e Verín, o inicio dos entroidos de Chantada, Arzúa, Manzaneda, entre moitos outros ó longo da nosa xeografía.

Tradicional Entroido en Viana do Bolo / turismo.gal

Este primeiro domingo é o chamado Domingo Corredoiro, celebrado en diferentes localidades de Galicia. Nel os mozos da vila botan auga, borralla, ovos podres ou formigas, dependendo da localidade, ós asistentes, nalgúns casos xa caracterizados coas tradicionais máscaras. Ó mesmo tempo, nalgunhas delas faise a tradicional corrida do Galo, unha tradición popular que en inicio tiña como centro pasar de man en man este animal antes de finalo como parte da matanza. Polo xeral o Domingo Corredoiro está acompañado nas localidades que o celebran por unha abundante festa gastronómica asociada os produtos típicos do entroido.

Quedan por citar o Xoves de Compadres e xoves de Comadres, sendo as dúas festas que circundan a este domingo. No primeiro é tradición que as mozas fagan un boneco vestido de home coa intención de queimalo, mentres os mozos da vila tratan de arrebatarllo nunha liorta festiva e simbólica que en tempos tiña moito que ver coas tradicións do casamento. Pola contra o Xoves de Comadres os papeis múdanse para unha adecuada rebancha e son os mozos os que fan, disputan e tratan de queimar un boneco con feitura de muller. En algunhas localidades pode cambiarse a orde, celebrando este en primeiro lugar. Tras este último día, xa sen dármonos conta chegamos ó fin de semana central das festas. A partires de aquí non hai lugar de Galicia que non celebre o súa peculiar e propia festa de entroido.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

1 Resposta

  1. 11 Febreiro 2018

    […] de rexistros diferentes. Así, máis alá dos tradicionais entroidos ben coñecidos do chamado triángulo do entroido de Ourense, Laza, Verín e Xinzo de Limia, xunto coa propia capital, o noso país está pragado de […]

A %d blogueros les gusta esto:

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: