Presos republicanos galegos no campo de concentración nazi de Mauthausen

Que foi da memoria dos 179 republicanos galegos que sufriron os campos de exterminio nazis?

Máis de 10.000 republicanos que conseguiron fuxir do terror franquista tras a Guerra Civil acabaron deportados nos campos nazis durante a II Guerra Mundial. Deles, un total de 179 eran orixinarios de Galicia: 78 procedentes da Coruña, 33 de Lugo, 34 de Ourense, e 34 de Pontevedra.

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, co “compromiso” de manter viva a memoria de todas as persoas que sufriron o Holocausto, pediu ao Parlamento galego que se faga un acto de conmemoración o próximo 27 de xaneiro no que se lean os nomes “de todos os galegos que foron obrigados a subirse nos trens da morte”.

“Que morreron alí ou que foron liberados, pero nunca puideron regresar ao lugar no que naceran porque a ditadura franquista negoulles o dereito a regresar ao seu país de orixe”, sostén a Asociación. Tamén incidiu en que a deportación dos republicanos españois, “aos que o franquismo lles retirou previamente a nacionalidade, non se entende sen o seu exemplo de loita no territorio español contra os exércitos de Hitler, Franco e Mussolini.

Joaquín Balboa, antifascista e republicano preso en Mauthausen

Historia de Galicia xa relatou no seu día a historia de Joaquín Balboa, un barbeiro antifascista e republicano orixinario de Monterrei e que acabou no campo de Mauthausen, onde estiveron a maioría dos republicanos españois.

Día Internacional en Conmemoración das Vítimas do Holocausto

Esta asociación rexisstrou a petición na Cámara galega o pasado 21 de decembro, dirixida ao xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, e aínda non obtivo resposta. Lembrou que o próximo 27 de xaneiro de 2018 celébrase en todo o mundo o Día Internacional en Conmemoración das Vítimas do Holocausto, unha xornada na que, habitualmente, o Parlamento galego lembra a poboación xudea masacrada en masa, pero non aos republicanos que tamén sufriron o mesmo infortunio que milleiros de hebraicos.

De feito, fontes parlamentarias consultadas por Europa Press ratificaron que a Mesa, órgano reitor do Lexislativo galego, tomou coñecemento do escrito e na Xunta de Portavoces deu traslado aos grupos da petición. E tamén ten sobre a mesa a proposta dunha declaración institucional en relación ao Holocausto.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: