fbpx
Membros do Colectivo Capitán Gosende a carón do petróglifo da Granxa do Hospital / Carlos Solla

O legado dos homes pequenos: 18.000 quilómetros en coche e uns 1.300 a pé na procura de petróglifos

Tempo de lectura: 4 min.

A finais do ano 2009, a editorial Morgante tirou do prelo a Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, o volume 8 da colección Cerdedo in the Voyager. A elaboración da Carta arqueolóxica tiña por obxectivo recadar e ordenar a bibliografía e documentación existentes sobre o particular e ofrecer unha visión elemental e realista do estado da cuestión. Posto que “só se ama o que se coñece”, coa súa publicación fíxose por divulgar o inventario arqueolóxico do municipio (catalogado ou non) en prol da súa valorización e preservación, ao tempo que se denunciaba o seu estrago, abandono e indefensión.

Amais de mámoas, castros, vestixios varios, apuntamentos de mitoloxía…, a Carta arqueolóxica tamén daba noticia dos gravados rupestres catalogados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural neste territorio (2001 e 2005) e, así mesmo, dos bens identificados por nós nas nosas primeiras excursións (até 2009) e que aínda non foran consignados nos rexistros oficiais. Sen outras fontes bibliográficas das que botar man, a Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo empregouse como documento de referencia á hora de elaborar o PXOM cerdedense, aprobado en 2014.

En 2009, no tocante á arte rupestre, o número de petróglifos catalogados por Patrimonio en Cerdedo ascendía a 10. Pola nosa banda, os paseos eventuais polo monte achegaran noticia doutros 6. En conclusión, a nosa Carta arqueolóxica daba razón da existencia de 16 gravados rupestres en Cerdedo. Este algarismo estableceu o punto de partida do traballo de exploración que, dende 2012, o colectivo Capitán Gosende levou a cabo neste concello.

Debuxo do petroglifo Laxa da Romaxe I, en Cerdedo / A. Santiso

Cinco anos despois, no tocante a petróglifos, a angueira non só serviu para actualizar os datos do noso primeiro inventario (con oito anos de vixencia), senón para corroborar que, emulando a iniciativa daquela Sociedad Arqueológica de Pontevedra de comezos do séc. XX, este labor exploratorio era absolutamente necesario.

Un traballo de anos de Capitań Gosende

Os de Capitán Gosende (filólogos, historiadores, xeógrafos, enxeñeiros, titulados en Belas Artes, autodidactas…) vimos desenvolvendo a nosa actividade de investigación multidisciplinar e de promoción cultural na comarca de Terra de Montes e, principalmente, no antigo concello de Cerdedo. A salvagarda da arte rupestre é unhas das nosas moitas inquedanzas. Por iso, Capitán Gosende enorgullécese de figurar na nómina de asociacións ou individualidades que, na Galiza, se botaron ao monte acirrados pola urxencia de dar a coñecer e protexer co coñecemento o que é patrimonio de todos. En Capitán Gosende este quefacer, sempre respectuoso co obxecto de estudo, levouse a cabo de xeito altruísta e sen ánimo de lucro, empregando a comunicación directa, os artigos ou notas de prensa, as publicacións en webs e blogs especializados ou as redes sociais para informar as autoridades e ao pobo en xeral do froito das nosas pescudas.

Malia a incómoda alegalidade da nosa misión, sentímonos moi orgullosos do camiño que se emprendeu. Agora, baixo a sombra do labor cumprido, facemos pouso e botamos a vista atrás. As mostras de apoio, concretadas na adhesión e na difusión, foron constantes ao longo desta tempada e alentaron o noso esforzo (mención especial merecen Xabier Moure, Xurxo Salgado, Xoán Carlos Garrido, a edición comarcal de Faro de Vigo e o meu editor Moisés Barcia). Entendemos que plasmar nunha publicación esta apaixonante aventura é o mellor xeito de agradecer o agarimo recibido, facer perdurábel a gozosa lembranza e, por suposto, revelar unha realidade patrimonial que permanecía oculta.

Eis, conforme a lenda, O legado dos homes pequenos, o volume nº 18 da colección Cerdedo in the Voyager; un libro único na súa especie, posuidor, cando menos, dos atributos da orixinalidade, da frescura e da utilidade.  Un libro froito ds tarefas de exploración efectuadas ao longo do quinquenio 2012-17 que depararon o descrubrimento de 25 novos petróglifo. Se os sumamos aos 6 descubertos por membros de Capitán Gosende con anterioridade ao período 2012-17, obtemos a cifra de 31.

Gravado rupestre da Laxa das Filloeiras

A maiores, Capitán Gosende achou 4 gravados rupestres no concello da Estrada (parroquia de Sabucedo); 1 gravado rupestre no antigo concello de Cotobade (parroquia de Caroi) e 3 no concello de Forcarei. Daquela, 39 gravados rupestres na nosa conta e na conta do patrimonio arqueolóxico da Galiza.

O libro

A estrutura que arma os capítulos do presente estudo-inventario é sinxela, emporiso, coidamos que eficaz. Os 41 gravados rupestres rexistrados repártense por parroquias (Cerdedo (21), Pedre (8), Figueiroa (7), Quireza (3) e Tomonde (2)). Para a súa heroica consecución, é de obriga salientar o traballo encomiábel das fotografías de Juan J. Soto, bo e xeneroso. O moito combustíbel consumido correu sempre pola conta do compañeiro Soto. O libro tamén se beneficiou dalgunha imaxe cedida xentilmente polos fotógrafos amigos Álex Negreira e Xosé Luís Alonso.

Miles de quilómetros

Esta campaña de cinco anos, exenta de subvencións, levounos a realizar unhas 250 saídas ao monte (moitas infrutuosas), é dicir, esixiunos percorrer uns 18.000 qm nun Peugeot 307 SW (teito solar) e uns 1.300 qm a pé por fragueiros, toxos e silveiras (media volta ao mundo). Para o noso desprazamento foron precisos uns 1.100 litros de gasoil, un xogo de rodas e un cambio de aceite. Engádanse, para a materialización do proxecto, unha morea de consumíbeis. Pola contra, a nosa presenza contribuíu á economía local, pois non faltaron cafés, refrescos; almorzos, xantares e merendas. Téñase en conta tamén a roupa, o calzado e os útiles para montear cunha mínima seguranza.

A suma dos gastos superaría a cifra dos 8.000 euros (tirando por baixo e sen contar o custo de impresión e publicación deste material en formato libro). Convida a reflexionar que, aínda así, a nosa trasfega saíse máis barata que a colocación dos sinaladores e paneis “informativos” dos petróglifos de Pedre (catro anos despois da súa descuberta e cheos de incorreccións) e a colocación e pronta retirada dos sinaladores do “Complejo romano”, derradeiro desatino da alcaldía cerdedense. De todo isto se deduce que en Capitán Gosende non vivimos disto, senón que vivimos para isto. Vai polas ánimas.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...