Fusilados republicanos

Lembran aos asasinados polos fascistas en Mondoñedo 80 anos despois

Unha iniciativa veciñal, apoiada pola totalidade dos grupos que forman parte da corporación municipal, homenaxeará o 13 de xaneiro, en Mondoñedo, a Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez asasinados polo fascismo fai oitenta anos. Segundo os promotores do acto “estase a facer xustiza con estes veciños asasinados e no seu nome a todas aquelas persoas que no noso concello sufriron a represión por ser demócratas e persoas de ben.

Desfile fascista en Mondoñedo / Nomes e Voces

Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez, son outros tres exemplos da represión en Mondoñedo, unha represión que asasinou a oito mindonienses e deixou sen vida na nosa localidade a outros oito veciños de Ribadeo, Pastoriza e Viveiro. A morte destas persoas debemos enmarcalas a dura represión que viviu Mondoñedo após 1936, do que da conta un amplo repertorio represivo, con cárcere, sancións e depuracións ate sumar máis de 76 persoas neste concello como vítimas da represión franquista”.

Os actos de homenaxe darán comezo ás 12:00 h do sábado 13 de xaneiro, cun acto a celebra no parque a carón do cemiterio vello, moi preto de onde foron asasinados, e no que participaran Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, Pedro González, neto de Siervo González, Graciano Pardo, neto de Graciano Paz, Angeles Rodríguez Rico, portavoz municipal do PP, Eloi Cabana, portavoz municipal do BNG, Esperanza González, portavoz municipal do PSOE , acompañando as intervencións publicas unha actuación musical de Cesar Moram.

Quen foron os asasinados

De seguido, ás 13:00 horas celebrarase na Casa da Xuventude, antiga sé da Sociedade de Obreiro Católicos, local moi vinculado á vida e a memoria dos tres homenaxeados, un mesa redonda sobre a personalidade e a traxectoria vital dos asasinados, presentada por Fran Bouso e no que tomaran a palabra, Xosé Ramón Ermida e Eliseo Fernández, persoas que teñen estudado a figura de Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez.

Ao conxunto dos actos da xornada, está confirmada a presenza dos familiares de Siervo González e Graciano Paz, desprazados para a ocasión a Mondoñedo.

Centro histórico de Mondoñedo

Outros mariñás que axustizaron os fascistas

Ao remate do acto do parque contiguo ao cemiterio vello e antes de comezar a mesa redonda na Casa da Xuventude, os asistentes desprazaranse ao antigo camposanto de Mondoñedo para render unha homenaxe aos veciños de Ribadeo e Viveiro, asasinados en Mondoñedo en setembro de 1936 e que foron enterrados no cemiterio da localidade. O 12 de setembro de 1936 , foron asasinados en Mondoñedo os veciños de Ribadeo Bruno Martínez Fernández “O Barquillero”, Antonio Martínez López, Henrique Navarret García e Florencio Carballo Novegil, canda o líder da CNT de Viveiro André Vale “O moreno de Cobas”.

O día 20 será asasinado en Argomoso o veciño de Obe e dirixente do sindicato La Prosperidad Xosé Antonio Díaz Álavarez, o 7 de outubro o tamén ribadense Xesús Longarela e o día 12 de outubro, o dirixente socialista do Marco de Alvare ,Benito Folgueira Trashorras.

A xornada rematará cun xantar de conviviu, aberto a todas aquelas persoas interesadas, coa única limitación imposta que impón o número de prazas. Para iso, quelas persoas interesadas en asistir deben inscribierse na a nosa conta de correo electrónico [email protected] ou no número de telefono 605 79 23 99.

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: