fbpx
Escaleiras da estación de Santiago de Compostela / mapiio.es

Miles de firmas piden en Change.org conservar a monumental escaleira da estación de ferrocarril de Compostela

Tempo de lectura: 2 min.

Dende que o pasado mes de decembro se presentara a infografía do proxecto da estación para a intermodalidade de Santiago de Compostela saltaron todas as alarmas. Xa que, se ben o proxecto conserva para o futuro o edificio da estación de ferrocarrís, inaugurado en 1947, e máis a bóveda de ferro que cubre as vías, o proxecto mostra a completa desaparición da actual escaleira neobarroca, un dos elementos máis singulares da plástica da estación ferroviaria e unha das escaleiras máis relevantes do segundo terzo do século XX en Galicia.

Detalle da escaleira neobarroca

A escaleira que é de estilo rexionalista estaría realizada, xunto coa actual estación, segundo aparece en documentos da época, polos enxeñeiros Julio Mura, Mariano de la Hoz, Fernando Pino e Antonio Gascúe, e que veu a substituír a estación de Cornes cando no ano 1945 se finalizou a construción da liña entre Santiago de Compostela e a Coruña. A escaleira, moi ó gusto da época, é de estilo rexionalista e de inspiración neobarroca, e xunto co propio edificio, recupera a vella pretensión decimonónica de identificar as estacións de ferrocarril de cada localidade coa estética da arquitectura da mesma, recorréndose para isto, xa en pleno Franquismo, ó habitual estilo rexionalista galego.

É unha escaleira excepcional, de dous tiros oblicuos que concorren nunha ponte central, feita por completo en granito. Posúe balaústres de pedra, a imitación dos da propia catedral, e grandes pináculos en xerro con motivos inspirados no barroco de placas. A proposta de conservación, que ata o momento actual leva recollidas 7.500 sinaturas na plataforma Change.org, organizada por María Isabel Álvarez Domínguez, fala da “emblemática e monumental escalinata neobarroca que da acceso á estación de tren en Santiago de Compostela” que “será sustituída por una rampra de formigón”. 

O proxecto actual da estación intermodal, que inclúe un vestíbulo sobre as vías e o levantamento dunha pasarela peonil ata Pontepedriña, concibe o acceso á Avenida de Lugo como unha praza elevada constituída por dúas rampras sobre perpiaños de formigón. Estas rampras, que intelixentemente intentan recoller os fluxos de peóns dende o Hórreo e a Rosa, ocupan o espazo da actual escaleira e deixan o tráfico por baixo, o que implica a completa desaparición da estrutura. “Pero, ¿por que non manter e adecuar ambas opcións? Máxime, na cidade da pedra, do granito, por excelencia. Xa foi testemuña a cidade da aberración urbanística coa demolición do edificio Castromil en 1975 para construír un aparcadoiro… non temos remedio…Salvemos a escalinata!” reza a petición.

Obras na estación de ferrocarril compostelana / Íñigo Mouzo Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...