fbpx
Un dos petróglifos do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro nunha visita nocturna / paar.es

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro aproxímase aos 15.000 visitantes anuais

Tempo de lectura: 2 min.

As visitas ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro aumentaron por segundo ano consecutivo, destacando a subida do 55% no apartado de grupos organizados e un 18% máis de usuarios da páxina web.

Así, nun comunicado, a empresa adxudicataria do parque asegura que os datos de público do ano 2017 amosan unha consolidación do crecemento do número de visitantes do Parque. En relación ao ano anterior prodúcese un crecemento global do 6,5 %, chegando a cifra dos 14,773 usuarios. Tamén suliña que no eido do público escolar experimentouse unha subida do 4,5%, acadando unha cifra histórica dende a apertura do Parque con 111 centros escolares diferentes no mesmo ano. No público xeral tamén mellorouse o 5,3 % , observando unha desestacionalización das visitas ao longo do ano. O dato máis sorprendente foi o éxito dos grupos organizados coa cifra de 1512 visitantes, fronte os 970 do ano anterior, o que representa un avance do 55%.

Unha das estacións de petróglifos de Campo Lameiro / PAAR

“No tocante a axenda de verán tivemos a sorte de contar con 700 visitantes totais que preferiron aproveitar outras experiencias que oferta o Parque”, indica. Dentro destas actividades destacaron outro ano máis as visitas guiadas especiais de Noitepedras, e tivo unha gran acollida o novo formato de visita guiada aproveitando a caída do sol de dúas horas de duración, coñecida pola denominación de Atardeceres. Outra fórmula que continúa atraendo público son as visitas teatralizadas dos Quinquilláns e Volta e Dálle e os obradoiros arqueolóxicos impartidos polos guías do Parque. Tamén tiveron un notable impacto outra serie de actividades singulares coma o Concerto de Neonymus “Ultra-humano”, “Un día na Idade do Bronce” de Prehistoric Skill e “Petróglifos e Estrelas” de Rutea.

Cursos de formación

Ademais, o comunicado indica que os catro cursos de formación “para fornecer o papel do Parque coma un espazo de referencia no eido da divulgación da Arte Rupestre” acadando a cifra de 150 alumnos. “Outro dos indicadores fundamentais para explicar os datos comentados anteriormente son as redes sociais e o noso posicionamento en Internet”, engade. Así, o ano 2017 tamén foi testemuña do número récord de enlaces á páxina web, un total de 1370, e o dato de 13.880 usuarios únicos, progresando un 18% en relación o ano anterior e que veñen acompañados da superación dos de 5000 seguidores e “me gusta” na nosa dirección de Facebook.

Pode que che interese...