Como será o futuro da memoria?… Na Coruña comezan a imaxinalo

Mesa redonda na Fundación Casares Quiroga / Íñigo Mouzo

¿Cal é o futuro da memoria? con esta pregunta tan simple e complexa abordouse este mércores 17 na cidade da Coruña a primeira das mesas redondas abertas ó público Reflexións sobre o pasado e cidade, que levaba precisamente o mesmo nome desta pregunta. Como abordar o futuro da nosa memoria e cal debe ser a influencia desta memoria nos espazos públicos da cidade, foron as dúas grandes interrogantes que foron postas enriba da mesa e que tiveron unha grande acollida, non so entre os poñentes, senón entre o propio público da sala. Dúas preguntas que tiveron un grande calado a ambos lados da mesa e que foron moi participadas, facendo que a xornada se prolongara máis alá das nove da noite, aportando, sen dúbida, visións de un interese inesperado.

Parece ser que esta era precisamente a intención da organización, ó abeiro da Concellería de Cultura da Coruña, representado nesta xornada polo concelleiro José Manuel Sande e no marco do seu proxecto Informe Caixa da Memoria, unha proposta para recuperar a memoria viva da Coruña a través dos seus cidadáns. Así, foi esta a primeira das tres mesas redondas que se celebrarán na cidade os días 17, 24 e 31 de xaneiro, e que contarán coa participación de numerosos axentes sociais da cidade e profesionais da arte e da cultura, e que se celebrarán na Casa Museo Emilia Pardo Bazán, no Centro Cívico da Cidade Vella e, no caso da xornada celebrada este mércores, na Casa Museo Casares Quiroga. Na xornada participaron, ademais do propio concelleiro, o fotógrafo e director de A pegada dos avós, Xosé Abad, Enrique Sánchez, membro da asociación cultural O Facho, Fernando Souto da Comisión pola Memoria Histórica da Coruña e Ana Romero, historiadora e membro do instituto José Cornide de Estudios Coruñeses.

Poucos foron os temas que se escaparon nesta mesa redonda, dende a propia recuperación da historia da represión do Franquismo, da Guerra Civil, os exiliados e emigrados, a importancia dos arquivos ou a memoria dos familiares, foron aparecendo entre os estantes baleiros da biblioteca da casa de Santiago Casares Quiroga na rúa de Pandeiras da Coruña. Pero non so se trataron estes temas, nin moito menos, senón que a mesa redonda serviu como unha verdadeira posta en contacto entre profesionais de diversos sectores e cidadáns, entre poñentes e asistentes, saíndo a relucir temas tan apaixonantes como a memoria positiva e os momentos máis brillantes da historia da cidade, coma a Coruña liberal e republicana, a importancia do porto, a emigración, a memoria dos familiares, a toponimia, a memoria do idioma, a importancia da muller na memoria ou a vivencias dos barrios. Entre os temas saíron proxectos e reflexións coma reforma da Tabacalera, o Proxecto Cárcere, a nostalxia fronte a memoria, a identidade na era da velocidade dos cambios ou as lembranzas individuais fronte a memoria colectiva.

Así, foi na propia sala onde se fixo realidade a consigna máis repetida da xornada “o futuro será dende o protagonismo das persoas” en palabras de Fernando Souto, porque, como afirmaba tamén Enrique Sánchez de O Facho “recursos humanos nesta cidade hainos” ou en palabras da historiadora Ana Romero “a historia comeza polo respecto da memoria dos seus cidadáns”. Pero tamén da pegada destes na cidade, con instrumentos coma a arte contemporánea ou no patrimonio histórico, ou os diversos contedores da memoria, xa que, como tamén se relataba dende o público, “non é o mesmo contar a historia do avó que ter verdadeiramente os expedientes do seu proceso na man”.

Mesa redonda na Fundación Casares Quiroga na que o aforo chegou a completarse / Íñigo Mouzo

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: