fbpx
Portada de O Tío Marcos d'A Portela | Día dos Medios en Galego
Portada de O Tío Marcos d'A Portela | Día dos Medios en Galego

O Tío Marcos d’A Portela, 141 anos de xornalismo en galego

Tempo de lectura: 2 min.
O 7 de febreiro de 1876 nacía o primeiro medio en galego “O Tío Marcos da Portela”. Subtitulada “Parrafeos co pobo galego” e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, esta cabeceira conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo.
Valentín Lamas Carvajal recolleu na publicación a bandeira ergueita por Rosalía de Castro en Cantares gallegos, e sumouse á defensa e reivindicación da cultura popular levando ao papel os sentimentos cotiáns da sociedade galega, especialmente da xente máis humilde. Con moito humor, sentido crítico e ironía, o escritor e editor ourensán soubo conectar á perfección coas principais preocupacións do mundo rural.
Nas páxinas de O Tío Marcos d´a Portela protestábase contra temas candentes do momento como a sangría da emigración, a elevada carga impositiva –os denominados trabucos- o atraso da agricultura, as malas comunicacións e a febleza da industrialización, problemas que aínda segue tendo hoxe Galicia, 141 anos despois.
Portada de O Tío Marcos d'A Portela | Día dos Medios en Galego

Portada de O Tío Marcos d’A Portela

Ao Tío Marcos sucedéronlle nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira. Todo este movemento xornalístico difundiu o Rexurdimento, que no terreo literario encabezaron Rosalía de Castro, Manuel Curros Enriquez e Eduardo Pondal, no ámbito máis inmediato e popular.

Día dos medios en galego

 E aproveitando esa data, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) decidiu poñer en marcha o primeiro Día dos Medios en Galego. Unha data que ten coma obxectivo facer valer a importancia da lingua galega nun país no que está en franco retroceso a pesar de ser o idioma que fala a metade da poboación.
A Asociación de Medios en Galego quere neste día “contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na búsqueda de solucións”.  O seu obxectivo con esta celebracoón é “visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”.
Os actos centrais deste Día dos Medios en Galego celebraránse en Fene o sábado 3 de febreiro.

Pode que che interese...