Primeiro gran mapa do patrimonio dun concello realizado pola asociación Os Penoucos, de Valga

Unha asociación de Valga crea o primeiro mapa de todo o patrimonio dun concello en Galicia

A Asociación Cultural Os Penoucos de Valga adiantouse ao propio concello na protección e divulgación do seu patrimonio e acaba de presentar a súa nova páxina web que inclúe un Mapa do Patrimonio de Valga, o primeiro das súas características en Galicia.

A través do domino ospenoucos.gal os usuarios poden atopar seccións de información, actividades, acceso ás redes sociais da asociación, formulario de contacto, así como acceso ao Mapa do Patrimonio. A web está optimizada para posicionamento web e dispositivos móbiles, polo que o seu deseño é responsive, con visualización específica para smartphones e tablets.

O Mapa do Patrimonio de Valga trátase dunha aplicación webmapping onde se recolle a totalidade do patrimonio cultural e natural de Valga. O usuario poderá navegar e desprazarse polo mapa, facer zoom, activar ou desactivar capas, así como escoller os mapas base. Ao pulsar sobre un punto, despregarase a ficha explicativa onde se describe o elemento, con acceso a información e imaxes deste.

Mapas dispoñibles

Os mapas base dispoñibles son catro, que van desde a última fotografía aérea do PNOA, até o voo americano do 1956-57. Deste xeito poderase visualizar as diferenzas que sufriu o territorio nos últimos 60 anos.

Nestes momentos hai cargadas 9 capas, que inclúen 779 elementos:

  • Arqueoloxía (39 elementos): castros, petróglifos, túmulos, mámoas…

  • Arquitectura relixiosa (12 elementos): igrexas, capelas, ermidas…

  • Elementos relixiosos (44 elementos): cruceiros, cruces, petos de ánimas…

  • Arquitectura civil (16 elementos): pazos, casas reitorais, escolas…

  • Obra civil (24 elementos): pombais, pontes, pontellas, palcos da música…

  • Hórreos (550 elementos): a totalidade dos hórreos do municipio.

  • Arquitectura da auga (81 elementos): corgos, fontes, lavadoiros, muíños…

  • Espazos naturais (6 elementos): fervenzas, insuas…

  • Panorámicas (7 elementos): as panorámicas máis destacadas de Valga.

 

“O aspecto máis destacado do Mapa do Patrimonio de Valga é a súa parte colaborativa. Así facemos un chamamento a aquelas persoas que o desexen, nos manden os seus comentarios, suxestións, textos ou fotos dos elementos do mapa, así como suxerir a inclusión de novos puntos”, apunta a entidade nun comunicado.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: