Arco da vella / cultura colectiva

Que vella está detrás do arco da vella?

Todo comeza cunha pregunta, sinxela, unha pregunta que máis de un se terá feito: ¿quen é esa Vella á que fai referencia o arco da vella?.

Arco da vella, malia ser a máis frecuente, non é a única denominación que o fenómeno meteorolóxico ten na nosa lingua. Tamén temos: arco das bruxas, arco das mozasarco de lúas, arco do ceo, arco do tronoaro da vella, barco da vella, circo da vella, marco da vella, ponte da vella, porta da vella, risco da vella. Non é difícil decatarse da importancia da Vella en todas elas, importancia que non fai senón aumentar ó saber que podemos atopar á Vella nas denominacións do arco en toda Europa, como descubriron os lingüistas que estudiaron o fenómeno. Por poñer tan só uns poucos exemplos temos en El Hierro tanto arco la vieja como arco la moza, en Asturias arcu las viechas e arcu de las mozas, en Sanabria cinta da vella, en Creta e Peloponeso cinto da vella e en lugares tan afastados como Gales ou Cefalonia (Grecia) o noso mesmo arco da vella. Nos ditos da península ibérica referentes á saída do sol e da chuvia a un tempo, as condicións nas que se manifesta o fenómeno que estamos a estudar, tamén atopamos á Vella. Un refrán castelán di: Lluvia y sol, casamiento de vieja. En Asturias teñen cando chove ya fai sol, andan las vieyas alredor e tamén el día que llueve y fai sol, canta la vieya en Peña Mayor. Ás veces, a Vella queda transfigurada en bruxa como na expresión estanse a peitear ás meigas, que se di nalgúns lugares de Galicia ou cando chove e vai sol van as meigas para Ferrol que falan por Cangas, tamén por Portugal din a chover e a fazer sol estão as bruxas no farol, embrulhadas num lençol a comer pão mol. E é que xa no s. I a.C. Plauto (autor de teatro cómico latino) representou ó arco como unha vella que se deleita bebendo auga.

Cantares

Mais o arco do ceo non é, nin moito menos, o único fenómeno meteorolóxico que se lle atribúe á Vella. Topámola en infinidade de refráns e cantares, ben adaptándose ás inclemencias do tempo ou ben como causante directa dos mesmos. Imos ver algúns exemplos:

– Ai como chove, ai como trona, hai unha vella tocando a zanfona. Enténdese que o son provocado pola zanfona da vella serían os tronos mesmos.

– Que chove, que neva, que fai carapela; a vella no monte viste a mantela.

– O sol da serra engana á vella.

– En xaneiro o forno e a vella pola boca se quentan.

– Cando abril recacha, queima a vella a maza.

– En abril a vella quita o mandil.

– A vella dos anos mil gardaba pan para maio e leña para abril.

– En maio inda a vella queima o tallo.

– Polo San Xoán, inda pregunta a vella cando vai vilo verán.

– En agosto queima a vella o rostro.

– Entre santos e nadal perde a vella o seu caudal.

Dobre arco da vella / nuestroclima.com

Recompilar estes ditos resulta moi interesante, pois permítennos seguir o paso das estacións no comportamento da nosa Vella. Tamén o é saber que inda queda algunha aldea en Galicia na que se utilizan as expresións peneirou a vella canto quixo nas mañás de xeada –entendendo que o branco xeo é a fariña que cae da peneira da vella– ou ¡como atiza a vella! nos días de bochorno, coma se ela estivese a avivalo lume que provoca a calor.

“Que llueva, que llueva/ la vieja está en la cueva”

Sen embargo, a última peza deste crebacabezas meteorolóxico habemos de buscala fóra do noso país, pois o estudosos do folclore decatráronse de que a canción Que llueva, que llueva, la Virgen de la cueva ten unha versión aínda máis antiga, que se conserva en Sudamérica tal como lla deixaron os españois que arribaron ó continente co descubrimento de América: Que llueva, que llueva / la vieja está en la cueva, / los pajaritos cantan / la vieja se levanta. É dicir, cando chove a vella está metida na súa cova e cando se aclara o ceo e cantan os paxaros sae do seu agocho.

E seguímonos a preguntar, ¿quen é esa misteriosa vella, capaz de facer que neve coa súa peneira, que trone coa súa zanfona e que acabou por se converter en Virxe ou en bruxa para case desaparecer da nosa memoria? Chegados a este punto, decatámonos de que esta pregunta non ha de ser tan fácil de responder e, á vez, intuimos que cando o fagamos descubriremos un apaixonante segredo agochado nas nosas tradicións, lendas e manifestacións folclóricas.

Publicado en tralaspegadasdavella

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...

3 Respostas

  1. David Conde Lourido di:

    A min, de pequeno, miña bisavóa, contábame o seguinte sobre a vella do Arco:

    Sete cuncas de papas de millo
    unha vella comeu.
    Arrebentoulle o cordón do xustillo
    de tanto que encheu.
    Tiña fame, e aínda por riba,
    outras sete zampou.
    Fixo un arco-foguete no ceu,
    Chimpún, estoupou!

  1. 8 Febreiro 2018

    […] de comprobar que a Vella non só está relacionada co arco da vella senón coa meteoroloxía en xeral, buscamos entre a infinidade de mitos e tradicións da nosa terra por se atopamos a súa figura […]

  2. 7 Marzo 2018

    […] a similitude que vimos encontrando entre a nosa Vella, a do arco da vella, e outras mulleres anciás presentes no folclore e as tradicións doutras partes do mundo, parece […]

A %d blogueros les gusta esto:

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: