fbpx
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Un vídeo mostra xa como quedará a nova estación de tren de Compostela sen a monumental escaleira neobarroca

Tempo de lectura: 4 min.

A estación intermodal de Santiago de Compostela xa se atopa en construción. Porén a presentación formal do proxecto ó público é bastante recente. E nel pódese ver como quedará esa estación sen  famosa escaleira neobarroca que a caracteriza na actualidade, tal e como xa deu conta Historia de Galicia. Fíxose aínda o pasado 20 de decembro nun acto na Cidade da Cultura no que interviron representantes das tres administracións e que tivo como elemento central a presentación dun vídeo de recreación e infografía da que moi pronto será a nova terminal. Nel, ademais de outros aspectos, destaca a perda dalgúns elementos patrimoniais importantes da antiga estación, inaugurada en 1947, sorprendendo, sobre todo, a perda da monumental escaleira neobarroca, unha das xoias do estilo rexionalista.

O vídeo, que días despois foi subido á plataforma Vimeo por Adif_Videos, tal e como se recolle, “mostra de maneira virtual como será a futura estación intermodal de Santiago de Compostela”. No vídeo presentase nun amencer de verán na cidade a un viaxeiro preparado para unha viaxe en tren que parece rexuvenecer a medida que se adentra na futura estación intermodal. Ó tempo que o viaxeiro se despraza cara o convoi móstranos tamén o proxecto, praza, vestíbulo, bóveda metálica, acceso ós andéns… rematando, de feito, coma un neno no interior dun vagón de media distancia atopándose coas catro estadías do home que o precederon: ancián, adulto, mozo e neno. Entre medias catro fundidos en negro mostran os valores nos que estaría inspirado o proxecto.

Detalle da escaleira neobarroca

Detalle da escaleira neobarroca

A estación que mostra o vídeo forma parte do proxecto dirixido por Abrahan Piñate, que tería como responsable técnico a Julio Alberto Rodríguez, e móstranos unha estación moi semellante á gañadora do concurso convocado en 2011, que naquel momento fora gañado polo estudio de Juan Herreros, responsable do proxecto. A estación consistiría de feito nunha ampliación da actual que reutilizaría os actuais andéns e máis a histórica bóveda de ferro ós que se accedería a través de escaleiras mecánicas dende un vestíbulo superior á cota da Avenida de Lugo. O proxecto sería en si unha gran pasarela sobre as vías que uniría esta avenida co barrio de Pontepedriña onde xa se situaría a estación de autobuses a unha cota moi inferior, abríndose á rúa Clara Campoamor, a que circunda nese tramo as brañas do Sar.

Polo lado contrario tamén aparecería unha praza anterior que, a xeito de pasarela coa avenida de Lugo, deixa debaixo dela o actual aparcadoiro convertido agora en parada cuberta de taxis e en espazos de estacionamento. Mais é neste punto onde se forma a polémica xa que a actual infografía móstranos unha estación que recupera a funcionalidade da gran marquesiña e na que se conserva o edificio da estación rexionalista precedente pero fai desaparece tanto a escaleira neobarroca coma a farola central da “praza”. Desaparece, por tanto, un dos sinais de identidade máis importantes da antiga estación e deste momento da cidade, un proxecto rexionalista en estilo neobarroco como poucos exemplos no noso contexto. Seguramente, xunto coa escaleira monumental entre o paseo de Ferradura e o Campus, un dos exemplos máis importantes deste estilo en Galicia.

Un proxecto fundamental para Compostela

O proxecto, que terá por custe 50 millóns de euros, e que se agarda que estea rematado no terceiro trimestre de 2019, implica para Íñigo de la Serna, Ministro de Fomento, a seguridade de que o AVE chegará a Santiago no último prazo establecido. Para Martiño Noriega o obxectivo é que a cidade teña unha nova imaxe para o ano 2021, de cara o vindeiro Ano Santo, destacando o traballo e compromiso entre administracións. Para Feijóo este proxecto implica apostar por Compostela, o que, así mesmo, segundo el, é apostar por Galicia.

Estación de tren de Santiago / minube.es

Estación de tren de Santiago / minube.es

O certo é que este proxecto resolverá dun xeito efectivo dúas necesidades básicas da cidade no eido do transporte público, por unha banda ó agrupar buses e trens nunha única estación, pola outra, contar cunha infraestrutura adecuada para a chegada do AVE. Isto último é especialmente importante para a cidade, sobre todo tendo en conta que a maior parte do turismo de Compostela e de Galicia xeral é un turismo nacional. O acceso da alta velocidade á Meseta será un dos elementos de maior importancia para o crecemento dese modelo de visitantes.

Ademais está claro que este proceso entra dentro da estratexia da Xunta para o desenrolo de infraestruturas ó longo da presente lexislatura, cunha especialmente forte aposta, xa presente, polas estacións de bus, unha das pezas claves dentro do novo marco da intermodalidade. Ata o de agora estas foron as grandes esquecidas da administración autonómica dende incluso décadas antes da concepción da chegada do AVE, estancadas a maioría delas nun estado de deterioro que o executivo non acababa de atallar. Así coa colaboración do Ministerio de Fomento, da mesma cor política, e máis coa chegada do AVE ás portas, Feijóo quere impulsar unha nova vitoria electoral de cara as eleccións autonómicas de 2020 onde a alta velocidade xogará un papel capital.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...