Panorámica da Igrexa de Vilar de Donas / Galipedia

Visita virtualmente a igrexa de Vilar de Donas, unha das grandes xoias de Galicia

A web Turismo de Galicia incorporou a posibilidade de facer unha visita virtual da igrexa de Vilar de Donas, un dos monumentos que mellor exemplifican o románico galego no Camiño de Santiago e de feito, é un templo de referencia, para visitantes e peregrinos das rutas xacobeas do Camiño Francés e do Primitivo.

Desde hai uns meses estanse a realizar traballos de restauración nas consideradas como as mellores pinturas murais góticas de Galicia. Precisamente, son tan importantes estas pinturas, que mesmo lle dan nome ao templo declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1931.

Orixinariamente foi unha igrexa monástica. A fundación do mosteiro atribúeo a tradición a unhas donas, co que se explicaría o topónimo, aínda que, realmente, o seu fundador foi Arias Pérez de Monterroso, a mediados do século XII.

Detalle dun dos muros do ábside de Santa María de Donas / Galipedia

A capela maior decórase con pinturas góticas de tempos do rei Xoán II. No brazo norte do cruceiro destaca un baldaquino en pedra e un retablo tamén en pedra que representa a Misa de San Gregorio. No interior atópanse os sepulcros de Fernán Ares Noguerol, de 1378, o de Santiago Pérez de Ulloa, cabaleiro da Orde de Santiago falecido no ano 1410

Obras

As obras contan cun orzamento de 124.200 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e contan cun prazo de execución que se prolongará, como mínimo, nos próximos oito meses.

As tarefas de restauración están centradas nas pinturas murais da ábsida e na aplicación de tratamentos preventivos que eviten o deterioro destes murais policromados. De xeito complementario, segundo a Xunta, prevese a intervención nos paramentos interiores, que inclúe un estudo da colonización biolóxica, a aplicación de tratamentos biocidas por toda a superficie: nave, cruceiro e capelas ou absidiolos.

Exterior da Igrexa de Santa María de Donas / xunta.gal

Estudo artístico

Os traballos a executar inclúen tamén un estudo histórico artístico deste espazo, o control das condicións de humidade e temperatura, concienciudas análises dos distintos soportes pétreos e a eliminación de morteiros e concrecións alleos á obra. Sen esquecer, claro está, as obras de consolidación, reposición e control que se estimen acaídas

Por último, o proxecto de intervención inclúe a elaboración dun informe final que incorpora unha descrición técnica minuciosa dos traballos executados e pasos que se deron, unha cartografía sistematizada de grande interese para a posta en valor do centro e unha proposta final coas intervencións que se estimen acaídas desde o punto de vista técnico para o mantemento e conservación preventiva dos murais e doutros espazos restaurados.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: