fbpx
Pórtico da Gloria
Peza dixitalizada do Pórtico da Gloria tocando un instrumento / Fundación Catedral de Santiago

Adeus a Abraham e Isaac… As figuras do Mestre Mateo volven á familia Franco

Tempo de lectura: 3 min.

As esculturas de Abraham e Isaac que realizou o Mestre Mateo para a fachada do Pórtico da Gloria no século XII volverán, novamente, a poder da familia Franco, onde chegaron de xeito ilegal. As dúas pezas están agora no Pazo de Xelmírez, nunha exposición sobre a obra do Mestre Mateo que chegou á súa fin este luns.

Ao non pedirse medidas cautelares para tentar que permanezan nun espazo público ata que se dirima a demanda sobre a súa propiedade interposta polo Concello de Santiago, as pezas volverán á familia Franco.

Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

Unha longa historia

Estas dúas enormes figuras pétreas, de 1,80 metros de altura e identificadas como os profetas Abraham e Isaac, pertencían á fachada orixinal do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, realizado polo Mestre Mateo en torno ao século XII. As reformas da fachada da Catedral compostelá retiraron estas figuras –xunto con outras, tal e como xa contou o GC— en torno ao século XVI e a súa pista perdeuse até o ano 1933, cando foron localizadas no Pazo do Conde de Ximonde, nas proximidades de Santiago.

Segundo consta nun documento atopado polo Concello de Santiago, o Conde de Ximonde vendeu as dúas pezas ao Consistorio no ano 1948, por un montante de 60.000 euros e coa condición de que permanecesen sempre baixo tutela municipal e expostas ao público.

Acabaron en Meirás

De feito, foron colocadas na escalinata do Pazo de Raxoi ata que nalgún momento, cara ao ano 1960, pasaron a mans da familia Franco. A primeira indicación deste cambio está na exposición ‘A arte Románica’, que en 1961 incluía as esculturas e atribuíaas á familia do ditador, situándoas no Pazo de Meirás, desde onde, posteriormente, serían trasladadas ao de Cornide.

Con todo, non figuran nos arquivos municipais ningún documento de cesión ou venda destas esculturas que, ao mesmo tempo, contraviría as esixencias da venda do Conde de Ximonde.

As nove pezas atribuídas ao Mestre Mateo que serán BIC / xunta.gal

O concello de Santiago iniciou xa nos anos 80 un proceso de reclamación destas pezas, para a súa reintegración no Patrimonio Público, unha actuación que se repetiría periodicamente sen que até o momento se lograse esta devolución. A participación das esculturas na exposición que agora finaliza, xunto coa localización do documento oficial de venda e das súas condicións, reactivou esta petición e levou ao Concello de Santiago a interpor unha demanda xudicial contra a familia Franco para reclamar a propiedade das pezas, un proceso no que confían en que haxa unha sentenza dentro deste ano.

De forma paralela, e para garantir tanto a súa conservación como que non poidan ser vendidas ou sacadas ao estranxeiro sen supervisión pública, a Xunta publicou no mes de febreiro o inicio do procedemento para a declaración das dúas esculturas como Ben de Interese Cultural, unha protección que se lles aplicou xa de forma inmediata.

Críticas

Con todo, algunhas voces consideran que estas medidas non son suficientes. É o caso de En Marea, o PSdeG ou o BNG, que este luns escenificou a súa protesta nun acto celebrado ás portas do Pazo de Xelmírez, ao que se encadearon simbólicamente para reclamar que as dúas esculturas non abandonen Compostela tras finalizar a exposición.

Tamén a asociación o Sorriso de Daniel reclama que volvan a ser parte da Catedral, de onde desapareceron. Así lembran que xa no 2012 reclamaron a súa devolución a Carmen Franco Polo. “Cremos lexítimo apelar novamente á familia Franco para que deposite estas pezas no museo da Catedral de Santiago de Compostela, nun xesto que poderíamos denominar de boa vontade, mentres os tribunais de xustiza dictaminan se a enaxenación das pezas no seu día é de lei ou non”, apunta nun comunicado.

Ademais, apostan por converter o Museo da Catedral nun gran espazo adicado, precisamente, a arte do mestre Mateo por ser un “autor singular, figura cimeira da obra artística medieval, indentificado coa cidade de Compostela e que sitúa a esta como capital artística da Europa do seu tempo”.

Pode que che interese...