fbpx
San Pedro de Busto / Consorcio de Santiago de Compostela

Así é o traballo do Consorcio de Santiago no rural

Tempo de lectura: 3 min.

Se Santiago de Compostela sigue a ser unha das cidades máis espectaculares do occidente europeo non é so por obra dos grandes mestres históricos senón, de todos é sabido, tamén do férreo traballo feito durante décadas polo Consorcio de Santiago de Compostela. Mais se o seu traballo é ben coñecido en aspectos coma a conservación do seu casco histórico non o é tanto noutros aspectos que, non saltando tanto á vista, precisan tamén do traballo e do coidado da institución. O traballo no ámbito rural é un destes grandes descoñecidos.

O Consorcio de Santiago é un organismo nado no ano 1991 co obxectivo de coordinar as accións das tres administracións con competencias na cidade, Xunta, Estado e Concello de Santiago de Compostela. A súa función é desenvolver accións orientadas, sobre todo, á preservación e revitalización da cidade e do seu patrimonio cultural, nos seus aspectos histórico-artísticos e arquitectónicos, e tamén á difusión dos valores vinculados as actividades turísticas e a preservación dos Camiños de Santiago. Obras de restauración das diferentes parroquias do termo municipal, ou intervencións nalgunhas zonas dos Camiños de Santiago forman tamén parte da súa importante acción.

Máis de 35.000 euros para restaurar a igrexa e reitoral de San Pedro de Busto

Novo tellado de San Pedro de Busto / Consorcio de Santiago de Compostela

Precisamente, encadrado nestas accións a desenvolver no entorno dos Camiños de Santiago, rematouse estes días a rehabilitación da igrexa de San Pedro de Busto, preto da vila orosana de Sigüeiro, e non lonxe do antigo trazado da liña de ferrocarrís entre A Coruña e Santiago de Compostela. A parroquial, do século XII, recibiu un investimento de 35.385,46 euros para a intervención en diferentes partes do edificio, tellados, torres, lucernario e baixantes, así como a súa anexa reitoral.

Segundo o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Xosé Allegue, “realizáronse as obras necesarias para lograr a mellor conservación do inmoble, que, ao carecer de canlóns nalgunhas das súas fachadas, presentaba problemas derivados da acción das escorrentías da cuberta así como da salpicadura da auga dos aleiros”. Resultaba tamén prioritario substituír as tellas da cuberta, xa que, ao estaren simplemente apoiadas sobre os cangos, levantábanse cada vez que había temporal, provocando a entrada de auga ás bóvedas e ás revocaduras da nave, e poñendo en perigo a imaxinería e os retablos do templo. Por último o lucernario de carpintería non permitía a ventilación e xeraba problemas de condensación cara ao interior. 

San Pedro de Busto / Consorcio de Santiago de Compostela

En base a estes problemas saneáronse as fachadas e a torre do campanario, limpáronse as revocaduras en mal estado e repasáronse con pintura de silicato, limpándose tamén a pedra. O retellado fíxose con ganchos longos que permiten un maior solapamento da tella, polo que se aportou tella vella idéntica á existente para compensar a diferencia de superficie. Así mesmo o lucernario de carpintería de aluminio foi substituído e instáronse canalóns e baixantes para evitar o problema das escorrentías, procurando non afectar  á imaxe das fachadas do edificio. Na casa reitoral a fábrica de pedra da esquina sueste estaba desmontada por efecto do vandalismo, de xeito que tamén se procedeu a reconstruíla para recuperar o seu estado orixinal.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...