fbpx
Copito de Nieve. Imaxe do teaser / youtube.com

Cando o gorila albino Copito de Nieve anunciou un edificio inexistente da Xunta

Tempo de lectura: 2 min.

Corría o ano 2011, e a distribuidora Filmax sacaría á luz moi pronto á súa nova película de animación feita en España polo director Andrés G. Schaer. O argumento estaría baseado no popular gorila albino do zoo de Barcelona, único gorila branco do mundo, Copito de Nieve, que ó longo de 86 minutos de película correría imprevisibles aventuras na busca da súa propia autoaceptación. Mais antes do seu estreo a distribuidora decide, como é habitual nestes casos, facer varios teasers do filme como xeito de adianto e promoción da cinta. Mais nun destes teasers visto no momento do seu lanzamento, en decembro de 2011, algo nos chama poderosamente a atención.

Nel Copito e máis o panda vermello Ailur deciden nin máis nin menos que facer turismo pola, xa daquela famosa, Cidade da Cultura de Galicia, desfrutando duns momentos de ocio e turismo no singular conxunto arquitectónico. Cun programa na man e co fondo do que daquela era o edificio do Arquivo de Galicia, Copito e Ailur programan á súa visita ó complexo, decidindo se visitar ó Museo de Galicia, trepar polos tellados da Biblioteca ou acudir a un “concerto”. Está claro que subir polos tellados dos diferentes edificios está prohibido tanto nese momento como agora, e moi posiblemente referíanse ó chan ascendente do futuro Espazo Obradoiro, a praza ó aire libre que centra o conxunto. Pero, a pesares dese pequeno despiste, hai outro elemento que chama poderosamente a atención nestes tan so 40 segundos de teaser. É obviamente a idea do concerto.

Estado da Cidade da Cultura a finais de 2009

Porque, en que lugar do complexo podería haber naquel momento un concerto? Pois o feito é que mentres de fondo se escoita unha orquestra sinfónica soando, quen sabe se banda sonora do teaser ou apelación ó que as personaxes están a discutir, Copito e máis Ailur debaten sobre se ir ou non a un a escoitar música en vivo. Será acaso un concerto ó aire libre, como os que se celebraron nos últimos anos ou será acaso un recital no inexistente Teatro da Música? E é que por aquel momento o conxunto aínda estaba sen rematar e as obras foran paradas polo goberno bipartito tres anos atrás para repensar o complexo. Nese ano 2011 non existía aínda nin a máis mínima idea de en que habería de acabar a construción do complexo, que tería dende o seu planeamento como un dos edificios estrela o citado auditorio.

Co goberno de Feijóo repensando o proxecto todo estaba aínda por aclarar, pero as obras estaban en marcha no tocante a urbanización dos espazos comúns do conxunto, que se aínda se ían abrindo pouco a pouco. Así que naquel momento aínda non se fixera ningún concerto nas instalacións e a praza aberta apenas estaba recén inaugurada. Algúns anos despois a Xunta anunciaría que os dous edificios irrematados do conxunto finalmente non se levarían a diante e, precisamente en decembro do ano pasado, o goberno galego anunciaría que finalmente o solar irrematado do edificio sería substituído por un xardín. Onde esperaban escoitar daquela Copito e máis Ailur un concerto sinfónico nunha Cidade da Cultura plenamente en obras?

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...