Unha das obras do Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside / xunta.gal

Lorca, Castelao, Otero Pedrayo…Cando Maside retrataba ós protagonistas do seu tempo

Expresionista, cubista, realista máxico… sen dúbida cando temos unha das súas pinturas diante vemos claramente que representa Maside para a nosa cultura, sen dúbida un dos seus xenios da pintura de vangarda. Liña expresionista, trazos moi grosos, a espontaneidade ó xeito do Xinete Azul, a cor dun París posimpresionista, e múltiples referencias ás diversas vangardas pictóricas europeas. Mais con Galicia como centro, figuras femininas, campesiñas, sorprendidas no seu traballo diario, ensimesmadas, atemporais, envoltas nunha luz máxica dun país evocado, feiras e paisaxes. Así é a pintura dun dos grandes renovadores da nosa estética.

Mais tamén a persoa, o activista, o periodista, debuxante e caricaturista, que nacido no seo dunha familia de vendedores de encaixe de recursos moi limitados, foi capaz de absorber todo o ambiente artístico e cultural das oportunidades que se lle puxeron por diante en Madrid ou París, pero tamén en Compostela ou Vigo. Amigo de Rafael Dieste e de Manuel Antonio, de Tino Candeira, de Paz Andrade, traballando en Faro de Vigo ou en El Pueblo Gallego, orbitou no ambiente da Xeración Nós, se relacionou con Castelao, con Souto ou con Laxeiro. Habitual das faladoiros do Café Español onde se reunía con escritores e artistas como Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro ou Eiroa cos que fundaría Resol.

Lorca segundo Maside / Consorcio de Santiago de Compostela

Mais Maside non so foi pintor, foi tamén un excelente debuxante e gravador. Así foi dende a súa colaboración co periódico Faro de Vigo onde realizaba viñetas críticas durante a ditadura de Primo de Rivera. Foi ademais mestre de debuxo nas escolas de Traballo de Santiago de Compostela, A Estrada e Noia, aínda que trala guerra tivera que deixar estes dous traballos. Tamén era un dos grandes caricaturistas e un gran retratista, unha das facetas, esta última, no que a figura deste excepcional artista non foi ata o de agora tan coñecida. E é precisamente ó fío de dous acontecementos recentes nos que podemos adentrarnos fondamente nesta importante faceta do pintor. Nos referimos a exposición Rostros, que acolleu a Casa do Cabido no ano 2016, impulsada polo Consorcio de Santiago, e máis ó libro, en parte inspirado en esta, Maside. A presenza do ausente, presentado o pasado día 7 na compostelá Fundación Torrente Ballester.

Unha exposición e un libro

Carlos Maside / Consorcio de Santiago de Compostela

Co título Rostros, un ano atrás, inaugurábase unha exposición promovida polo Consorcio de Santiago de Compostela na Casa do Cabido, aberta entre o 15 de decembro e o 15 de marzo. A mostra era unha recompilación de retratos feitos polo pintor a diversos persoeiros coetáneos, debuxos feitos por el nas décadas de 1920 e 1930 do século pasado. A exposición faríase, na súa maioría, coa colección do seu legado familiar, comisariada pola crítica de arte Mercedes Rozas e pola catedrática e documentalista María Esther Rodríguez. Unhas, ó redor de cen, obras feitas na súa maioría a lapis, pluma ou tinta sobre papel, xunto a dous gravados, de Castelao e un autorretrato, completada con fotografías, libros e documentos que axudaban a comprender a obra do autor.

Un ano despois, na tarde do pasado día 7 de febreiro, presentábase o libro inspirado en esta exposición, Maside. A presenza do ausente, na compostelá Fundación Torrente Ballester. O libro, publicado pola editorial Guiverny e co apoio do Consorcio de Santiago de Compostela,  conta coas dúas mesmas autoras, Mercedes Rozas e María Esther Rodríguez, xunto con Aurora Marco e María Xosé Fernández Cerviño. Aparecen ademais con textos do alcalde Martiño Noriega, Belén Hernández, a xerente do Consorcio, Juan Conde, responsable de Publicacións do organismo e Belén Fortes, en representación da editorial, xunto con testemuñas de familiares e amigos do artista. O libro, a xeito de catálogo, reúne 190 retratos feitos por Maside ó longo destas dúas décadas e datos biográficos dos propios retratados.

Retratando ós protagonistas do seu tempo 

Castelao segundo Maside / Consorcio de Santiago de Compostela

O que se demostra nesta obra é que, ante todo, Maside foi un dos grandes retratistas do seu tempo. Na colección se atopan sen dúbida a maior parte dos protagonistas da arte e da cultura do momento, da Xeración do 98 como Valle-Inclán, Rafael Altamira e Portela Valladares; da Xeración Nós, como Otero Pedrayo, Castelao e Vicente Risco; da Xeración de 1915 como Manuel Azaña; ou da 1925-1927 como Federico García Lorca, Xesús Bal y Gay, Eugenio Montes ou Fermín Penzol. Tamén aparece representada a xeración galega de posguerra, mozos cos que o artista mantivo unha relación de intercambio cultural, como Isaac Díaz Pardo, Uxío Novoneyra, os irmáns Cores e Xulio Maside, entre outros. Tamén se recollen varios autorretratos.

Todo este material gráfico forma parte da colección familiar de Maside, e máis da Fundación Luís Seoane. Ademais dos citados habería unha longuísima enumeración, que chegaría ata as 190 imaxes recreadas polo artista. Entre elas, Rosalía de Castro, que Maside non coñeceu en vida pero á que admiraba; Valle-Inclán, realizado no mesmo leito de morte, en xaneiro de 1936; Manuel Lugrís Freire, Manuel Antonio, Ánxel Fole, Alexandre Bóveda, Ramón Piñeiro ou Domingo García-Sabell. Trátase de políticos, filósofos, escritores, músicos e poetas que coma el tiveron un compromiso de participación activa na vida política e cultural do momento. Unha colección de librepensadores que son plasmados por Maside dun xeito creativo e intelixente.

Otero Pedrayo segundo Maside / Consorcio de Santiago de Compostela

“Para Carlos Maside era norma facer o retrato do natural, de xeito que todas estas figuras, amigos seus, nalgúns casos, estiveron ao seu carón, en determinados momentos políticos ou circunstancias especiais da vida: na reunión do café, na redacción do periódico, no obradoiro do pintor, nunha conferencia ou nun acto oficial”, sinala María Esther Rodríguez. “Este libro recolle a historia dos contemporáneos que tecen a historia de Entreguerras. Nesta recompilación aparecen, por primeira vez, retratos, siluetas e caricaturas de personalidades diversas que compartiron un mesmo tempo histórico”.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: