fbpx
Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo da Pedreira VI / J. Soto

Continúan os achados de novo petróglifos; media ducia atopados en Forcarei

Tempo de lectura: 3 min.

O pasado 21 de xaneiro puxemos o pé por vez primeira no outeiro da Pedreira, monte comunal das aldeas de Alende e Castro de Muras, pertencentes á parroquia de Pereira (Forcarei). Cadramos no espazo e no tempo cun fato de escopeteiros que, degoxando decimar a poboación de raposos, facíanlle a espera ao renarte co dedo furabolos acaroado ao percusor. En son de paz funme achegando ao lugar onde se apostaba un daqueles homes armados. Advertín que a miña presenza lle provocaba inquedanza (non está o alcacén pra gaitas), polo que rompín o xeo e, tras as “boas tardes”, díxenlle que andabamos pola zona na procura de gravados rupestres. Ao decatarse do noso propósito, recuperou o acougo e con rouca voz de cazador respondeume cunha pregunta: “E logho hai moito diso por aquí?”. Por un intre, os petróglifos semelláronseme raposos e, tentando libralos de todo mal, instintivamente, mentín: “Pouca cousa”.

Ben ao contrario, as tres xornadas expedicionarias que os de Capitán Gosende realizamos na Pedreira propiciaron a descuberta de seis insculturas. Tal fartura lévanos a salientar a excepcionalidade deste outeiro no contexto forcareicense. Até o día de hoxe e dende hai tempo, os inventarios oficiais e oficiosos situaban no concello de Forcarei apenas 7 estacións petroglíficas. O pasado domingo, día 4 de fefreiro, roldando os 3º C de temperatura e baixo un chuvasco xélido e recorrente, batemos, na banda norte do monte da Pedreira, co gravado que completa a nosa media ducia. Abofé, non será o derradeiro, se a gripe non nos leva por diante.

Pereira VI

O petróglifo, bautizado, “Pedreira VI”, anótoo na miña conta. Velaquí a súa xeolocalización (coordenadas.- X: 555.136; Y: 4.720.052; alt. 699). O soporte escolleito para a súa realización é unha laxa granítica que presenta un avultamento na súa zona central. O artista prehistórico valeuse desta característica para plasmar con inefábel plasticidade unha combinación de elementos circulares.

A laxa presenta un alto grao de desgaste, provocado polos axentes transformadores do relevo (axentes erosivos), mormente: a auga, a atmosfera (meteorización) e o ser humano. A superficie visíbel da lastra é duns 2’5 m2. Cómpre engadir que a sección sur da rocha foi xa substraída, pois, como xa se indicou, o monte da Pedreira forneceu de material construtivo os lugares da contorna (topónimo transparente). A estación petroglífica sitúase a uns 500 m, en liña recta e cara ao sueste, da aldea de Alende; a uns 670 m, na mesma orientación, da aldea de Castro de Muras; a uns 750 m, na mesma orientación, da croa do devandito castro (visíbel dende o lugar), e a uns 500 m, en liña recta e cara ao sur, dunha mámoa selleira (20 m de diámetro, aprox.), túmulo neolítico sito en terras de Valiñaxemia.

Petróglifo da Pedreira VI. Ao fondo, albíscase o castro de Castro de Muras / Capitán Gosende

Restos desde o Neolítico ata á Idade do Ferro

En conclusión, Forcarei posúe, en pouco máis de 30 hectáreas de terreo, belido testemuño das nosas idades prehistóricas: Neolítico (mámoa de Valiñaxemia (6.000 anos de antigüidade), Calcolítico-Idade do Bronce (petróglifos da Pedreira (4.500 anos de antigüidade) e mais Idade do Ferro (castro de Castro de Muras (2.000 anos de antigüidade). Humanización da paisaxe. Unha ensinanza: non somos os primeiros nin seremos os últimos. Se non tivésemos o favor do santo, andariamos a rogar por el.

Volvendo ao gravado rupestre achado o domingo día 4 e insistindo no seu avanzado estado de deterioro, a figura componse duns 6 óvalos concéntricos incompletos (cuxo elemento meirande abrangue os 85 cm de diámetro), coviñas e outros riscos curvilíneos. En petit comité, os de Capitán Gosende empregamos a denominación “arandelas” para referírmonos aos motivos circulares concéntricos.

Novidades

Atendendo á bibliografía existente verbo da arte rupestre do concello de Forcarei, atrevémonos a dicir que os motivos representados nos petróglifos da Pedreira III e VI supoñen unha novidade temática no corpus petroglyphorum daquel territorio. Lembremos que, a día de hoxe, os cruciformes (prehistóricos ou históricos) son o tema recorrente: Outeiro das Cruces, Laxa das Buratas (Presqueiras), monte Penide (Dúas Igrexas)…

Coidamos que a paisaxe granítica de Forcarei aínda nos agocha moitas e moi agradábeis sorpresas. Quen busca atopa!

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...