fbpx
Agresión por unha plantación de eucaliptos no castro de Celeiro de Mariñaos, Barreiros / Mariña Patrimonio

Como detectar as agresións da industria do eucalipto en bens patrimoniais

Tempo de lectura: 2 min.

A industria do eucalipto segue danando o patrimonio galego. Pero hai xeitos de evitar, ou cando menos denunciar, as agresións que moitas destas plantacións causan no patrimonio galego. Grazas á Internet e ás múltiples imaxes que están á disposición pública –unha das máis utilizadas é precisamente unha ferramenta da Xunta https://mapas.xunta.es/visores/basico/ –, as cortas, plantacións e remocións de terras son moi fáciles de detectar.

Así mesmo, debido a que este tipo de webs cartográficas editan periodicamente novas imaxes, é posible acotar as datas nas que se realizan as intervencións e mesmo se pode apreciar se nun xacemento protexido foi utilizada unha pa mecánica ilegalmente.

As infraccións en materia de patrimonio poden ser sancionadas con multas de 300 a 6000 euros, as infraccións leves; de 6001 a 150000 euros, as consideradas graves; e de 150001 a un millón de euros as moi graves. Polo que é recomendable que calquera intervención sobre un xacemento arqueolóxico protexido, conte coa autorización previa do Servizo de Patrimonio.

Danos causados no castro de Celeiro de Mariñaos por eucaliptos / Mariña Patrimonio

Nova agresión

Son consellos útiles que aportan desde Mariña Patrimonio e Adega logo de coñecer que outra nova plantación de eucalipto causou estragos nun novo ben patrimonial, O castro de Celeiro de Mariñaos, no lugar de Os Castros, no concello de Barreiros. Estas entidades xa presentaron ante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) unha nova denuncia por posibles danos ocasionados nunha parcela protexida por Patrimonio.

Neste xacemento realizáronse distintas intervencións, con importantes remocións de terras para a repoboación con novas plantas de eucalipto. “Todo indica que as intervencións levadas a cabo neste ben patrimonial non contaron coa preceptiva autorización de Patrimonio e, polo tanto, estariamos a falar de accións presuntamente ilegais que puideron danar gravemente un ben patrimonial protexido pola lei”, apuntan estas entidades.

Pode que che interese...