fbpx
Solpor na costa / QuangprahaCC0

Planean converter o faro de Louro en hotel

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Muros deu o visto e prace a converter o faro de Louro nun hotel. O pleno municipal aprobou nos últimos días, por unanimidade e a iniciativa do PP, a inclusión da construción nun proxecto de Fomento que pretende dar outros usos a estes recintos. A portavoz do Concello, en mans do PP, Inés Monteagudo, afirma que o faro e a súa contorna constitúen un conxunto único, emblemático e atractivo para o turismo. Engadía que a edificación ademais de ter función hoteleira pode ser susceptible de estar dedicala a outros usos, como sucede noutros faros como Fisterra ou Bares.

O certo é que o faro do Monte Louro constitúe o inicio da Costa da Morte no sur e máis a boca da ría de Muros e Noia. É un faro situado na Punta do Queixal do mítico monte que se ergue a 240 m sobre a ría, nun espazo natural, paisaxístico e cultural de primeira magnitude. O faro, que comezou a funcionar o 15 de xullo de 1862, é de quinta orde e atópase a tan só 27,5 metros sobre o nivel do mar. Está automatizado funcionando con enerxía fotovoltaica dende 1993, co que a vivenda do fareiro se atopa na actualidade deshabitada.

Faro do Monte Louro / turismo.gal

O conxunto consta de casa do fareiro e faro propiamente dito, formando un conxunto, do mesmo xeito que moitos outros en Galicia. É de estilo neoclásico tardío e está deseñado polo enxeñeiro civil Celedonio Uribe. Xunto ó recinto sobreviven tamén os restos dunha construción de pedra que posiblemente fora vivenda dalgún fareiro ou refuxio de mariscadores, e podería ser incluso anterior a este xa que no lugar, segundo as fontes, habería un faro anterior de mediados do século XIX.

O edificio da casa do fareiro é de planta rectangular, duns cen metros cadrados, coas dependencias distribuídas por un corredor central. A torre é troncopiramidal de sección hexagonal, medindo algo máis de 8 m de alto, 5 de fuste y 3 m de lanterna. É un faro moi baixo, e a súa forma é especialmente similar a outros faros da nosa costa, como por exemplo o de Costa Robaleira en Cedeira. Tamén conta cun acceso dende San Francisco de Louro a través dunha pista asfaltada e atópase ó pé de varios roteiros de sendeirismo e á beira de espectaculares praias.

Faro do Monte Louro / turismo.gal

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...