A la lejanía, Urbano Lugrís Vadillo / Fundación María José Jove

Fina Urbano Lugrís Vadillo, fillo e sucesor do histórico “pintor do mar”

Foi na primavera de 1942 cando o pintor do mar Urbano Lugrís González e a súa dona Paula Vadillo Bras traen ó mundo a Urbano. Trala sombra do seu pai e máis do seu avó Manuel Lugrís Freire, director da Real Academia Galega e da Asociación da Prensa, Urbano habería de converterse, se cadra sen querelo, nunha das figuras máis relevantes da plástica galega e española, herdando da súa familia o amor pola cultura e do seu pai a paixón polo mar e polos motivos surrealistas. Foi este xoves 1 de febreiro, ós 76 anos de idade na cidade na Coruña, cando o pintor poría desgraciadamente punto final a unha especialmente frutífera traxectoria vital e artística.

Lugrís Vadillo foi en realidade moito máis que o herdeiro da pintura do seu pai, de quen sempre tería, para ben ou para mal, unha alongada sombra sobre este. Foi un pintor igualmente namorado do mar, pero capaz de explorar e levar moito máis lonxe unha estética profundamente namorada do mundo mariño. Nado en Vigo estudou Náutica no Instituto Elcano de Madrid, tendo por profesión a de Oficial de Máquinas na Marina Mercante. Navegará por diferentes países do mundo, pintando ó mesmo tempo, sendo esta a súa verdadeira dedicación en alta mar. Cóntase incluso que en portos como os de Estocolmo ou Filadelfia, espoleado polos seus compañeiros de singradura, vendía as súas pinturas en improvisadas exposicións.

Dende os oito anos intercala as súas estancias entre A Coruña do seu pai, o Burgos da súa nai, Madrid, o lugar no que estudou, e a alta mar, deixando todos estes lugares poderosamente pegados á súa arte. Recibirá os seus primeiros premios na década dos 60, pero non abandona a Marina ata 1971, cando decide adicarse por completo á pintura, asentando na cidade da Coruña. Dende aquela afirmará enorgullecerse de sacar adiante a súa familia so a través dos pinceis.

Parte do mural ‘Vista de A Coruña 1669’, de urbano Lugrís / Abanca

Entre o surrealismo e o hiperrealismo

Lugrís Vadillo non se conformou nunca con estar á sombra do seu pai, e é por isto que a súa carreira gozou dun grande recoñecemento tanto en Galicia como de gran prestixio en Madrid e Cataluña, expoñendo ó longo de Europa e América. Ó contrario que o seu pai o debuxo é minucioso a medio camiño entre surrealismo e hiperrealismo, unha obra moito máis abstracta enchida de enxeño, dominio técnico e madurez plástica. Del se dixo que era pintor de perspectivas e de arquitecturas, soños e paisaxes exacerbadas de imaxes. Surrealista por dereito propio, a súa narración nace dos pormenores, do detallismo infinito. Cordas dos navíos, velas en repetición, paisaxes inconmensurables, liñas que se desenrolan en todas as direccións, formas que se expanden milimétricamente polos cadros, escombros, cidades derrubadas, e algunhas liñas puras escapadas da pintura do seu pai.

Mais tampouco queda aí, senón que é a atmosfera a que ten como consecuencia todo este desenrolo detallístico. Sfumatos extremos, paisaxes herdadas de Patinir e dos primeiros flamencos, horizontes que se escapan no infinito, cores puras, tons sucesivos… En esencia, ensoñacións feitas dunha infinidade de tons e de elementos desenvolvidos ata o punto de ser titulado de hiperracionalista. Finalmente personaxes sen rostros, enchidos de detalles e de cores, en completo anonimato, con influencias dende Franz Marc o August Macke ata Giorgio de Chirico ou Salvador Dalí, sempre mantendo como horizonte o mar.

Mais o seu pasamento, neste febreiro de 2018, prodúcese no que debería ser un momento moi doce para o pintor. Pois no pasado ano 2017, non so foi un ano para o recoñecemento do artista, que tivo a súa última retrospectiva en vida xunto coa obra do seu pai na exposición Urbano Lugrís, Fillo e Pai da galería Artbyz no número 122 da rúa San Andrés da Coruña, senón ademais foi capaz de presenciar, ás portas do seu pasamento, o ano por excelencia do recoñecemento da obra do seu pai. Pois neste ano foi o que veu a rehabilitación da xa histórica Vista da Coruña en 1669, coma do éxito da exposición retrospectiva Urbano Lugrís, paredes soñadas, feita co gallo da rehabilitación desta obra, e que tivo máis de 42.000 visitas. Foi o ano no que se fixeron na cidade múltiples conmemoracións á súa figura, a última delas o 14 de decembro o xa tradicional na cidade Día de Urbano Lugrís. Estamos seguros que na súa vindeira edición introducirá sen dúbida á merecida homenaxe á figura de Lugrís Vadillo.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: