fbpx
Mota de Ois ou o Castelo da Mota, que foi propiedade dos Andrade / Xosé Troiano

A fortaleza da Mota de Ois, derrubada durante a “doma y castración del Reino de Galicia”

Tempo de lectura: 4 min.

Hai un castelo-fortaleza en Coirós (A Coruña) coñecida tamén como a Mota de Ois ou o Castelo da Mota. Trátase dos restos dun antigo castelo situado sobre un outeiro (a mota), a uns 230 metros sobre o nivel do mar e, que anteriormente fora un castro. Data do século XII e está adscrito o estilo románico. A planta é ovalada situada nunha base (croa) que ten unhas dimensións duns 30 metros L-O por uns 35 metros N-S. A súa fábrica é de sillería de granito, coidada e de aparello irregular. Cara ó NO é onde se conserva a maior altura, medindo de 6 a 7 metros, pero nos lados S e L están derruídos, sendo o seu grosor duns 2,20 metros. As dimensións do óvalo son de 21,00 x 18,00 metros aproximadamente.

A menor altura está cinguida por unha cerca que pode acadar os cinco ou seis metros de altura e cunhas dimensións perimetrais duns 60 metros N-S por uns 50 metros L-O. Tamén se poden ollar restos e cimentos doutros muros cinguindo a torre de díficil adscrición pero que ben poden ser as murallas ou barbacá que defendían dita torre.

O castelo pertenceu ós señores de Andrade, en concreto a Pedro Fernández de Andrade, fillo de Fernan Pérez de Andrade. Este castelo foi destruído nas guerras irmandiñas, pero ó contrario que a maioría dos castelos, este foi derrubado polo arcebispo Alonso de Fonseca. Acabada as liortas irmandiñas, semella que foi volto a levantar pero, volveuse a derrubar por orde do gobernador do reino Fernando de Acuña xunto con outras fortalezas por mandato dos Reis Católicos.

Mota de Ois ou o Castelo da Mota, que foi propiedade dos Andrade / Xosé Troiano

As andanzas de Fernando de Acuña no preito Tavera-Fonseca, Alfonso Cao, labrador, veciño e morador da freguesía de Santa María de Fisteus e duns 80 anos de idade, declaraba nunha das preguntas o seguinte:

En tienpo de los Reies Catolicos don Fernando y doña Ysabel bio benir a este dicho Reino de Galizia por Gobernador del a don Fernando de Acuña al qual despues de benido dize que bido quel fizo derrocar a la fortaleza de Peña Frouseira que hera de Pedro Pardo e a la fortaleza de Porras que era de Diego de Andrade e a Morgade que hera del conde de Altamira e a la fortaleza de la Mota que hera de Pedro Fernandez d`Andrade….

Outro das testemuñas de dito pleito foi Fernando de Andrade, neto de Fernán Pérez de Andrade, comentando que seu avó empezou a súa enemistade co arzobispo Alonso de Fonseca, logo de que este lle tomara a fortaleza de Pontedeume e de, tamén que quixera matar o seu outro avó, Gómez Pérez das Mariñas con ballestas. Ante isto, os Andrade alíanse cos Altamira para derrocar os castelos da Mitra Compostelana, sobre todo o castelo de Rocha Forte. Isto fai que o arcebispo Alonso de Fonseca cerque a Mota de Ois que era de Fernán Pérez, que o tiña por aquel entón un Pedro Fernández, fillo de Fernán Pérez, avó da testemuña.

…ansimismo save quel dicho Patriarca çerco a la Mota d`Ois, ques una fortaleza de Fernan Perez d´Andrade, que tenia entonçes un Pedro Fernandez su padre, hijo del abuelo deste testigo, sin tener causa para ello sino porque hera hijo de Fernan Perez, abuelo deste testigo….

Situación da Mota de Ois ou o Castelo da Mota, que foi propiedade dos Andrade / Xosé Troiano

Dende entón e despóis de moitas vinculacións e outras tantas transmisións de bens e dereitos, recaeu a propiedade en dona Beatriz Losada y Ozores, vizcondesa de Fefiñans y condesa de Maceda quen casou con don Fernando Casani y Herreros de Tejada e de quen tuvo tres fillas. A maior, dona Lucía, condesa de Maceda e de Vilana foi a representante dos dereitos vinculares da Mota de Santiago de Ois. Finalmente, no século XX, a propiedade foi mercada polos antigos caseiros coñecidos no lugar como Andrea e Antonio da Mota. Á morte destes, os seus herdeiros vendéronllo a un particular, sendo propiedade hoxendía de Teresa Rego.

Outros castelos

Na zona había outros dous castelos máis que parecían dominar e protexer en puntos estrátexicamente situados o cauce do río Mandeo e, por tanto, o acceso á cidade de Betanzos por esa vía. Estes eran o da Espenuca que o conde don Rodrigo doou a Mitra no ano 1130. Angel del castillo pensa que quizais se atopara onde está hoxe o campanario románico. O outro castelo estaría en Aranga onde se están a conservar os restos que se levantaron onde se xuntan os ríos Cambás e Mandeo, nunha pendente moi escarpada. Este xacemento foi explorado no ano 1944 averiguando que xa existía no século X, data na que pertencía ó conde don Hermenexildo e á súa muller a infanta dona Paterna, que parece que tamén foron benefactores do mosteiro de Sobrado.

 

Referencias bibliográficas:

-Boga Moscoso, R.: “Guía dos castelos medievais de Galicia”. Ediciós Xerais, Xullo do 2003.
-Del Castillo López, A.: Boletín da Real Academia Galega, Tomos IV, VI, VII, XII,XIX.
-Martínez Barbeito, C.: “Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña”. Diputación Provincial da Coruña, Editorial Everest, 1986.
-Rodríguez González, A.: “Las fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños”. Tomos I y II. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa. Galicia Histórica. Preparada por el Instituto “P. Sarmiento de Estudios gallegos”, 1984.
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/COIROS/documents/0130ca003.PDF (Páxs. 2 e 11).
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/COIROS/documents/0130ca004.PDF (Páxs. 2 e 11).

Escrito por

Divulgador