Guindastre / dimitrisvetsikas CC0

Un hórreo centenario paraliza a especulación urbanística en Nigrán

A historia semella a de David contra Golidat, un conxunto de pedras que resultaron ter protección e que conseguen defenderse a si mesmas ante o avance da especulación inmobiliaria. E non en plena burbulla, senón na máis pura actualidade. Sucedeu estes días en Nigrán, moi preto do seu centro urbano, nun tramo de travesía da comarcal PO-552 no lugar que leva o nome de Avenida do Val Miñor. Neste lugar, antes da crise fora aprobada unha promoción inmobiliaria de grandes dimensións que como tantas outras quedou parada por máis dunha década. Porén nos últimos meses e coa pretendida resurrección do sector do ladrillo a súa promotora, Galiñeiro S.L., decidiu reactivar o proxecto.

Así nos últimos días fíxose o previsible derrube dunha vivenda unifamiliar abandonada e máis duns galpóns de pedra para iniciar a construción do edificio que albergaría nada menos que 50 vivendas. Máis no acceso das máquinas á finca achouse un importante atranco. Pois, do mesmo xeito que en moitas propiedades de certa antigüidade de Galicia, xunto coa vivenda e máis cos alpendres, é habitual atopar outros elementos etnográficos. Neste caso foi o omnipresente hórreo, que protexido como Ben de Interese Cultural (BIC) precisa da autorización de Patrimonio para continuar a desenvolver as obras, por lei.

Un hórreo protexido por lei

E é que os hórreos en Galicia, tal e como recolle a lei, son de modo xenérico Ben de Interese Cultural en base a un decreto procedente da época do Franquismo, o 449/1973 de 22 de febreiro, que sería despois recollido polas leis española e galegas. Coa chegada da democracia este decreto pasou á lei 16/85 de Patrimonio Histórico Español, de 25 de xuño, e coa transferencia de competencias en cultura á Xunta, integrado nas leis 8/95, de 30 de outubro, e 5/2016, de 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia. Así, a día de hoxe os hórreos, se atopen onde se atopen, gozan directamente de protección integral así como un entorno de protección que a actual lei no seu artigo 38 establece en 20 metros.

Porén a xurisprudencia non deixa tan claro a protección destes bens, xa que, segundo o articulado interno das leis, para que estes BIC conten con protección deben ter un valor especial ou unha certa antigüidade. Polo xeral, segundo unha interpretación da antiga lei 16/85 en base ó seu artigo 5, a xurisprudencia tradicionalmente situou a antigüidade necesaria dos BIC xenéricos nos cen anos. Neste caso o habitual é que a Dirección Xeral de Patrimonio paralice cautelarmente a obra ata determinar a antiguidade do ben, para en base a decidir se está protexido ou non. De non contar coa antigüidade suficiente o hórreo quedaría libre de protección e podería ser movido ou simplemente derrubado e, polo tanto, as obras poderían continuar sen problema maior.

Obras de urbanización na Avenida do Val Miñor, Nigrán / fonte Tele Mariñas

Un hórreo con algunhas singularidades

Mais a paralización das obras implica que Patrimonio está nestes momentos revisando a antigüidade e singularidade do ben antes de determinar se conta ou non con protección. Segundo La Voz de Galicia, que recollía este domingo día 4 a nova, e que presentaba unha imaxe pretendidamente tomada en perpendicular ó ben, existiría un informe arqueolóxico que informaría que este hórreo non ten ningún valor. Porén o certo é que o hórreo é moi similar a outros si protexidos da comarca.

Conta con catro pares de patas de altura curta, propias desta zona de Galicia, cos tradicionais tornarratos e con seis pares de perpiaños entre os que se atopan panos de pallabarro ou madeira que permiten a súa ventilación. Conta singularmente, non con unha, senón con dúas portas de acceso no lado que mira cara á comarcal. Non conta con chanzos de entrada, senón que pola súa baixa altura faríase a través dos tornarratos, ó pé das dúas portas, e non ten tampouco o tradicional pinaculiño e cruz dos seus extremos. A cubrición é a dúas augas con tella do país. A antigüidade sería como mínimo de vai 50 anos, se responde a tipoloxía dunha das vivendas derrubadas á súa beira, e de moitos máis de 100 se de pertencer a outra que se atopa lixeiramente máis abaixo.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: