Maquinaria pesada arrasa parte das defensas dun castro en Ares / Xabier Moure

Maquinaria pesada arrasa parte dun castro en Ares nos traballos de desbroce dunha finca

O día 13 de febreiro de 2018, o investigador Luis S. Seoane máis eu asistimos a unha agresión ao castro de Cervás, no concello de Ares. Trátase dun pequeno castro de forma ovalada, de 58 x 52 metros. Conserva unha liña de defensa composta por unha muralla polo oeste, sur e sur-este, cunha altura que oscila entre os 2 e os 7 metros, e terraplén no resto do perímetro.

Durante os labores de desbroce dunha finca que forma parte do castro, a empresa que estaba a realizar os traballos utilizou, ademais de desbrozadoras manuais, maquinaria pesada. Para ser máis preciso vimos como un tractor de cadeas (o que está totalmente prohibido) estaba a actuar sobre a propia muralla. As consecuencias, unha vez máis, nefastas: esa parte do castro sufriu uns danos irreparables.

Cando lle preguntamos aos traballadores se sabían que alí había un castro, contestaron que o descoñecían. Estráñanos porque, como se pode ver na foto, hai un cartel que pon claramente “Camiño do Castro“. Con independencia de que os traballadores coñeceran ou non que aquilo era un sitio arqueolóxico protexido (está catalogado co código GA15004003), o que si está claro é que o propietario do terreo si o sabía. Ademais de estar catalogado pola Xunta de Galicia, tamén figura no PXOM do Concello de Ares, aprobado provisionalmente no ano 2017.

Maquinaria con cadeas destroza o castro de Cervás, en Ares, a pesares de que estaba sinalizado / Xabier Moure

Este mércores presentamos no Rexistro da Xunta de Galicia denuncia ante o Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña, preguntándolles si se solicitou autorización para a realización dos devanditos traballos xa que, segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada no mes de maio de 2016, sen o permiso da autoridade competente en materia de patrimonio non se pode realizar ningún tipo de traballo na área de protección dun xacemento arqueolóxico que é de 200 metros.

Apertura de investigación

Ademais, a persoa ou persoas que solicitan unha actuación dentro da área dun ben protexido deben indicar na petición para que é (uso do terreo, tipo de cultivo, etc.). Polo anterior, solicitámoslle que actúen á maior celeridade para esclarecer os feitos, e de ser o caso concreten as responsabilidades que puideran derivarse da presente denuncia. Tamén lle enviamos un escrito ao Concello de Ares.

Área protexida do Castro de Cervás, en Ares, arrasado por maquinaria pesada / Xabier Moure

Como se pode ver no visor xeográfico do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia, delimitado por un círculo, sinálase claramente a contorna de protección do castro de Cervás. Segundo a devandita lei, as sancións para as faltas leves vai dende os 300 ao 6.000 euros, para as graves de 6.001 a 150.000 euros, e para as moi graves de 150.001 a 1.000.000 de euros.

As coordenadas de situación do castro son: https://www.google.es/maps/@43.4393394,-8.2742205,161m/data=!3m1!1e3?hl=gl

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: