libro / nietjuhCC0

Multiplicanse as homenaxes a Rosalía no 181 aniversario do seu nacemento

Coincidindo co 181 aniversario da escritora galega un ano máis Galicia encherase de actos en recordo da poetisa devanceira da nosa literatura. O nacemento desta figura da poesía galega tivo lugar o 24 de febreiro de 1837, día que se conmemora. A Fundación Rosalía de Castro agasallou á poetisa cun acto escolar de homenaxe que tivo lugar no mediodía en Padrón, localidade natal da escritora. Porén para a fundación o acto central foi máis tarde coa elaboración e degustación do xa tradicional “Caldo de Gloria”. Pola súa banda outras institucións de Galicia renderon ou renderán esta fin de semana homenaxe a Rosalía, coma a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que, dende vai xa uns anos, busca institucionalizar o día 24 como Día de Rosalía.

CasaMuseo de Rosalía / rosalia.gal

Así nestes días Galicia encherase de actos en relación á poetisa. No día de onte o Teatro Colón da Coruña acollería a Gala Rosalía de Castro, con artistas como Ave Rábade, Najla Shami ou Uxía. Hoxe sábado sería a quenda da homenaxe en Santiago de Compostela, pois a estatua da escritora no Paseo de Ferradura foi testemuña dunha ofrenda floral ás once da mañá. Media hora máis tarde, no Hostal dos Reis Católicos, faríase tamén un acto institucional. O outro epicentro das celebracións sería a vila de Padrón, que, ademais dos citados actos organizados pola fundación, acolleu un concerto do Trío Rosalía.

E é que Rosalía de Castro naceu este 24 de febreiro do século XIX no Camiño Novo da actual Santiago de Compostela, daquela Concello de Conxo, moi preto da actual Praza de Vigo. Sería bautizada ese mesmo día cos nomes de María Rosalía Rita de Castro. Foi filla de María Teresa da Cruz de Castro e Abadía, de orixe fidalga, e de José Martínez Viojo, crego de profesión. Rosalía viviu unha infancia leda nas vilas de Ortoño e Padrón. Ese nacemento e esa infancia, que influiría profundamente na desenvolvemento da literata, é o que se quere conmemorar ó longo destas xornadas.

Homenaxes en Cervo e en Cee ou A Guarda

De feito este día de nacemento de Rosalía de Castro será lembrado en diversos lugares de toda Galicia. Nas Mariñas, o Concello de Cervo terá unha programación con actos culturais ó longo de toda a semana. Comezarase cunha exposición na Casa da Cultura de San Cibrao, composta por 20 paneis nos que se fai un percorrido pola figura da poetisa, que se poderán visitar durante todo o mes de marzo. A continuación, o traballo será trasladado á Sala de Exposicións da biblioteca de Cervo, onde permanecerá exposta durante todo o mes de abril.

Mais o prato forte desta Semana dedicada a Rosalía de Castro, para o concello, terá lugar o vindeiro sábado, 3 de marzo. O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García, presentarán a actuación do artista berciano Amancio Prada con entrada libre e de balde no Auditorio da Casa da Cultura. Amancio Prada interpretará en Cervo o seu traballo Resonancias de Rosalía, editado no 2014, no que recolle e reinterpreta todas as cancións que compuxo sobre poemas da escritora escollidos e inspirados nos seus libros, sendo dende fai máis de tres décadas a voz musicada da poetisa.

Monumento a Rosalía na Ferradura / Historia de Galicia

Tamén dende o pasado luns ata o 1 de marzo poderá verse na biblioteca pública Francisco Mayán de Cee unha mostra bibliográfica de obras de Rosalía, 68 libros que segundo o concello teñen como finalidade mostrar o inmenso legado que deixou a escritora. En Ponteceso distribuiranse volandeiras coa receita do Caldo da Gloria que aparece no poema Miña casa, meu lar e chegará aos colexios en forma de manteis de papel. Os días 22 e 28 faranse intervencións da narradora Marisa Irimia e unha charla de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro. En A Guarda a actividade principal será o espectáculo de monicreques A viaxe de Rosalía, da man da actriz e titiriteira Larraitz Urruzola.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: