Pazo de Fonseca primeiro edificio da USC da última década do século XV / CarmenCarbonellCC0

Descobre como foi a vida dos universitarios galegos nos últimos 150 anos

Este martes 27 de  febreiro o compostelán Museo da Casa da Troia cumpriu 25 anos. Os actos, que se prolongarán durante todo o ano, conmemorarán a xa dilatada vida do que en realidade é un dos museos da cidade que mellor recolle o legado vivo dunha parte moi importante de Compostela, a súa tradicional vida universitaria. A presentación dun documental e dun disco, nun acto oficial celebrado as 20 horas no Museo das Peregrinacións, constituíron este pasado martes o acto central da conmemoración, pero as actividades prolongaranse ó longo de estes días.

O acto contou con diversas personalidades da cidade, coma o reitor da USC, Juan Viaño o actual alcalde da cidade, Martiño Noriega, o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a presidenta de Alumni da USC, Benita Silva, que forman parte do padroado do museo. Tamén contou coa presencia de Xerardo Estévez que fora alcalde naquel ano 1993 no que abrira o museo. Fíxose tamén a presentación do documental “A Compostela de La casa de la Troya” dirixido por Aser Álvarez e Benigno Amor. O acto foi organizado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns que xestiona o museo.

Un museo cheo de nostalxia

E é que este museo é un dos máis importantes da cidade, non so polas máis de 60.000 visitas contabilizadas dende o seu nacemento, unha cifra notable se temos en conta que tan so abre tres meses ó ano, senón por ser memoria dunha das etapas máis relevantes de Santiago de Compostela. E é que o Museo da Casa da Troia é un lugar único para recordar a vida universitaria do século XIX, un momento especialmente transcendente da historia da universidade compostelana. Foi o momento no que un substrato importante da sociedade galega puido acceder á formación superior, e encheu a cidade dunha nova vida.

Casa da Troia / museos.xunta.es

Casa da Troia / museos.xunta.es

O Museo da Casa da Troia recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa histórica novela La Casa de la Troya. A novela, de estilo costumista, narra a historia dun mozo da época, Gerardo Roquer, que tras unha desordenada vida en Madrid ven a estudar Dereito a Santiago, narrando as relacións cos seus compañeiros de pensión, coñecendo a vida estudantil, de taberna e o amor da súa vida. A obra de Lugín coñeceu un gran éxito na súa época, reeditada en numerosas ocasións e adaptada máis adiante tanto ó cine coma á televisión. A súa primeira edición foi ilustrada na portada por Castelao.

O mesmo inmoble no que se atopa o museo, o número 5 da rúa da Troia, funcionou como hospedería de estudantes dende 1886 ata 1906 e abriu as súas portas como museo en 1993. É un edificio remodelado que ocupa unha parcela de 60 metros cadrados e posúe unha superficie construída e visitable de 180 m, entre cadras, baixo, dous sobrados e faiado. Está ambientada con mobles e útiles da época, entre os que destaca o instrumental médico cedido pola familia Vaamonde, así como a traveseira “La mariana”, pertencente ao antigo tuno santiagués Miguel de Justo Gutiérrez, fabricada en París no ano 1860. As estancias evocan á perfección o ambiente descrito no libro.

A inauguración no ano 1993

Foi un sábado 27 de febreiro de 1993, no primeiro gran ano xubilar da Galicia actual, cando se inaugurou o Museo da Casa da Troia. As principais autoridades da cidade, entre elas Xerardo Estévez, así como membros da Universidade, fixeron a apertura da vella pensión universitaria asistindo a unha simbólica teatralización. Nela os principais personaxes do relato, vestidos de época abrirían gradualmente as fiestras do edificio mentres eran presentadas por Xosé Luis Bernal Farruco.

Santiago de Compostela / MemoryCatcher CC0

Santiago de Compostela / MemoryCatcherCC0

Con este acto de apertura dábase fin a un importante esforzo por parte da Asociación de Antigos Tunos Composteláns por recuperar o edificio. Foi un esforzo persoal do seu presidente, e director do museo, Benigno Amor Barreiro, e máis do seu pai, Benigno Amor Rodríguez (falecido en 2009), por abrir o museo e conformar un soporte administrativo adecuado para preservar o espazo. Amor Rodríguez foi de feito o verdadeiro mecenas do museo procurando dende a decoración ata as propias vigas de castiñeiro para o chan. O seu fillo lembraba que aquel día de febreiro fora un día “gozoso e de troula”.

O libro que cambiou a vida universitaria de Compostela

O libro de A Casa da Troia, de Lugín, foi un dos libros de maior éxito da España do seu momento. Un libro costumista que reproduce o ambiente da casa e da vida universitaria de Santiago no século XIX. Foi un libro de cabeceira para todos os universitarios que no primeiro terzo do século XX abandonaban a súa cidade para estudar na Universidade. O libro representa o punto de inflexión das mudanzas que se producen no mundo universitario co cambio á Contemporaneidade e despois co cambio cara o século XX, pois o ambiente universitario deste século XIX na cidade é un momento único, entre a Universidade do Antigo Réxime e a que coñecemos a día de hoxe.

Ó longo de toda a historia moderna, dende a súa fundación en 1495, os vellos colexios ou edificios da universidade servían tanto de residencias como de centros de estudos. Falamos dos colexios de Fonseca, o de San Xerome, o colexio de San Clemente de Pasantes e o edificio de Mazarelos. Coas reformas de Carlos III, en plena Ilustración, a Universidade foi centralizada e a maioría dos colexios perderon a función residencial para converterse nun modelo de facultades ata certo punto semellante ó actual. A Universidade de Santiago, ata aquel momento rentista, perdeu potestades coma a liberdade de cátedra ou a capacidade de conceder o título de doutor, sufrindo unha importante crise, económica e administrativa.

Pazo de San Xerome / gblanco CC0

Pazo de San Xerome / gblanco CC0

Tamén foi o momento no que co aumento da industrialización e a mellora de determinado nivel económico propiciou en Galicia ó acceso de determinados substratos sociais á educación superior espallándose polo país profesións liberais como médicos, boticarios, notarios ou outros. Con este incremento de alumnos no século XIX as pensións, residencias universitarias, as tascas e casas de comidas proliferaron na cidade, coñecendo a fama de ambiente “distraído” do mundo universitario. A Casa da Troia coma novela costumista recolleu todo ese ambiente universitario da Compostela decimonónica baixo unha visión propia da literatura do momento, creando un metarrelato da vida da cidade.

Foi así que o ambiente universitario “de pensión e taberna”, como se dicía na época, foi chamado pola historiografía como troianismo, propiciando os cambios que virían despois na universidade. Así, baixo o reitorado de Alejandro Rodríguez Cadarso, se comezou unha serie de iniciativas reformadoras na universidade, que rematarían co proxecto das residencias universitarias e xerme do actual campus rexionalista. O obxectivo era eliminar este ambiente “relaxado” coa construción dun Ensanche de Residencias, similar ó que promovera a Institución Libre de Ensinanza en Madrid. Pretendíase que por unha banda conseguir novos ingresos para a universidade e pola outra crear un foco cultural que superara o ambiente troianista. A construción do primeiro pavillón foi financiado con achegas voluntarias de Concellos e da emigración, sen que o Estado fixera nin unha soa aportación.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: