fbpx
Antigas dependencias da fábrica orixinal de Sargadelos na Mariña lucense / xunta.gal

Os antigos cortellos de Sargadelos converteranse nun centro de arte viva

Tempo de lectura: 3 min.

No mes de marzo do pasado ano 2017 o Concello de Cervo tivo a iniciativa de presentar un programa para unha das rehabilitacións máis interesantes dos últimos anos. Falamos dos cortellos ou cabaleirizas das antigas fábricas de Sargadelos, Ben de Interese Cultural. O obxectivo por parte do Concello era convertelas nun centro de artesanía ó vivo e con el dinamizar o conxunto histórico, un dos grandes referentes desta parte da Mariña. Os traballos supuxeron a rehabilitación dun espazo especialmente emblemático e implicaron un investimento de 120.000€, dos que 70.000 procederon da Xunta, o resto de fondos do Concello.

Segundo o alcalde Alfonso Villares “tratábase de dinamizar a zona fora das épocas estivais”, e pretendía “ser un atractivo máis para este enclave de excepción”. A obra consistiu fundamentalmente no acondicionamento dos seis locais rehabilitados para a instalación de obradoiros artesanais e a venta de produtos, ocupando un espazo de 840 metros cadrados. Porén, tendo a obra feita e o espazo perfectamente acondicionado, o Concello non conseguiu o obxectivo marcado xa que, desafortunadamente, tan so un artesán se presentou ó concurso de cesión dos espazos convocado polo concello.

Máis Villares e máis o equipo de cultura do Concello, encabezado por Dolores García, non se renderon respecto deste proxecto. Este pasado 15 de febreiro o rexedor informou mediante unha nota de prensa ós medios de que xa fora enviado á Dirección Xeral de Patrimonio o novo prego de condicións para a cesión en réxime de arrendamento dos locais habilitados no antigo edificio. Trátase, segundo o Concello, “dun documento cunhas condicións moito máis flexibles que permitirán a calquera persoa emprendedora e que contribúa a dinamizar o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos optar a un deste espazos”.

Centro de Artesanía na antiga fábrica de Sargadelos / Concello de Cervo

Así, agora, os locais poderán ser destinados a calquera actividade comercial relacionada co sector artesanal, que segue a ter prioridade, pero tamén os produtos ecolóxicos, o sector turístico, a hostalaría, o sector educativo, terapéutico ou calquera outra actividade relativa ó sector terciario. Nesta segunda convocatoria ademais dos 5 locais, aínda sen adxudicar, dos 47 ós 70 metros cadrados, tamén sacará a concurso un espazo exterior anexo ó edificio, con cuberta e duns 100 metros cadrados, “que cremos que  pode ser un complemento importante a todo este recinto”. Os prezos de cesión van dos 1400 ós 2200 euros, que poden ser bonificacións de ata o 90% no caso de emprendedores que cumpran unas determinadas condicións.

A fábrica de Sargadelos é un dos lugares máis visitados cada verán na Mariña luguesa. É o principal reclamo do Concello de Cervo e un lugar simbólico e emblemático da produción cultural de Galicia. A fábrica, fundada polo fidalgo e enciclopedista Antonio Raimundo Ibáñez en 1806, foi un dos grandes pulos industriais desta zona de Galicia, elaborando louza con estampación, de tipo inglés, moi valorada no seu tempo. Ibáñez chegou a ser condecorado coa cruz da Orde de Carlos III e cos títulos de marqués de Sargadelos y conde de Orbaiceta. A fábrica pecharía finalmente en 1875 e entraría en abandono ata a chegada dos intelectuais galeguistas, reedificándose no último terzo do século XX e respectando as antigas ruínas. En 1972 o complexo foi declarado Conxunto Histórico-Artístico.

Sargadelos, antigos fornos de fundición / Lourdes Cardenal Wikimedia

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...