fbpx
Xenerais da Ulla / galipedia.org

Os Xenerais da Ulla, o entroido que recupera unha das batallas pola independencia de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

A Casa das Letras da Estrada albergará ata o día 9 deste mes a exposición itinerante Os Xenerais da Ulla. A mostra, a través de máis de 35 fotografías de diferentes artistas galegos, trata de amosar a esencia deste entroido, recollendo, segundo se afirma, “momentos que en conxunto reflicten a natureza e vivencia desta celebración”. A mostra, que percorrerá despois os concellos de Teo e Touro, acollerá tamén imaxes cedidas polos veciños, co obxectivo de reflectir de xeito fiel un dos entroidos máis singulares de Galicia.

A exposición, que terá horario de luns a venres de mamá e de tarde (09.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.30) e sábados de mañá (10.00 a 13.00), contará con fotografías de Aroa Martínez, José Ramón Moire, Luismy, José Esteller, Puri Sanguiao, Adolfo Enríquez (Turismo Galicia), Ana María García Túnez, Marcos Míguez, Rubén Estudio Fotográfico, Ramón Torrente e José López (Jolope). Nela recóllense imaxes do entroido das diferentes parroquias dos concellos que historicamente tiveron esta celebración como referencia, como os da Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

O entroido da Ulla

E o certo é que a Comarca natural da Ulla ofrece entroido rural con caracteres moi diferenciados dentro dos galegos, converténdose xa nestes momentos nun dos máis significativos do noso país. Nel xenerais e correos a cabalo percorren as parroquias dos diferentes concellos da comarca dando vivas a veciños e visitantes acompañados dun exército de abandeirados, comparsas e charangas. As personaxes van disfrazadas con singulares vestimentas militares de época e diferentes adornos e cos propios cabalos tamén engalanados.

Así son de destacar no traxe tradicional, por exemplo, os sombreiros que tratan de emular a dos xerais decimonónicos, mais coa singularidade de estar decorados con borlas e con altas plumas de diferentes alturas e cores. Os xenerais a cabalo van botando vítores ou vivas ós veciños das diferentes casas polas que pasan e rematan escenificando un atranque ou alto. É este un enfrontamento dialéctico por parellas no que se aproveita  para facer sátira de asuntos locais, de política, vida persoal ou acontecementos do ano.

 

Atranque en Raxó / youtube.com

O programa deste ano recolle 26 atranques en 23 parroquias de oito concellos. A aparición dos xerais será ó longo de dez días, dende o 28 de xaneiro en Rarís (Teo) ata o 3 de marzo en Vilanova (Vedra). Houbo encontros en Lamela (Silleda), en Merza (Vila de Cruces), Marrozos (Santiago de Compostela), Reis (Teo) ou en Barna, (Touro) os pasados días 3 e 4. Pero haberá outros vindeiros os días 10 en Bandeira (Silleda), Aríns, Santiago de Compostela), ou Cacheiras (Teo), o 11 en Santeles (A Estrada), Sergude (Boqueixón), o 13 na Estrada e en Fao (Touro) e os días 17 e 18 en Salés (Vedra), Baamonde (Teo), Salgueiros (Vila de Cruces) ou Lestedo (Boqueixón). Pecharán o ciclo os días 24 de febreiro e 3 de marzo no Castiñeiriño (Santiago de Compostela) e Vilanova (Vedra) respectivamente.

As orixes

Igual que a maioría dos entroidos históricos galegos, non se pode asegurar con certeza a orixe concreta da festa, pero moitas fontes apuntan a que se remontarían os diferentes enfrontamentos armados que ocorreron na comarca ó longo do século XIX. Pois nela houbo varias batallas importantes en diferentes momentos dese convulso século. Estas foron as loitas contra a invasión francesa ou as Guerras Carlistas, pero sobre todo a revolución de 1846 que rematou coa batalla de Cacheiras. Estas guerras deberon producir un certo abraio colectivo que acabaría por pasar ó imaxinario colectivo a través da sátira popular.

Mais non hai certezas neste sentido, o que si é certo é que a celebración do entroido cos Xenerais da Ulla xa aparece documentado na década de 1870 polo político santiagués Alfredo Vicenti, e publicada asiduamente dende 1875 en El Heraldo Gallego. Neles se fai referencia ó entroido das ribeiras do Ulla en diferentes parroquias, aparecendo a partires de ese momento en diferentes artigos de prensa e estudos etnográficos e antropolóxicos ata día de hoxe. En ningún outro lugar de Galicia, nin que se saiba de Europa, hai un entroido semellante. A festa está declarada Festa de Interese Turístico Galego.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...