Unha das obras do Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside / xunta.gal

Como rachar os convencionalismo da arte

O carácter efémero da performance é un dos factores que contribúe á que sexa escasa a análise que, desde o ámbito académico, se realiza desta disciplina. Co propósito de “encher un baleiro que existe na reflexión teórica” respecto desta arte o profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Carlos Tejo, e a investigadora e comisaria, Marta Pol, coordinan o libro ‘Lo que sucede: reflexiones críticas en torno al arte de acción‘, un volume que reúne seis ensaios de académicos e artistas. Un libro que, segundo Tejo, busca afondar “noutra tipoloxía de arte de acción que poida rachar os convencionalismos que existen na disciplina”.

O volume, editado por Entre Ascuas, parte dunha escolma das conferencias convidadas do primeiro Congreso de Arte de Acción Fugas e Interferencias, promovido polo grupo de investigación Imaxe e Contextos da facultade pontevedresa, do que forman parte os coordinadores deste volume.

O investigador da Universitat Politécnica de Valencia David Pérez, a profesora da Universitat de Girona Judit Vidiella, o docente de Universidade do País Vasco Gabriel Villolta e a investigadora da Universidade de Vigo Alba Blanco son, xunto con Tejo e Pol, os autores e autoras dunha serie de textos que “pretenden sumar coñecemento a experiencias que traballaron ou traballan a arte de acción en España”, de tal xeito que, sinalan, esta reflexión teórica se vexa complementada pola análise do achegado por artistas, festivais ou eventos a esta disciplina.

Teoría e acción

O libro, prologado por Gloria Picazo, “unha das pioneiras na críticas e o comisariado de arte de acción en España”, articulase en torno a dous marcos de estudo; un que aborda a reflexión teórica sobre o concepto do “acontecer” e as súas implicacións artístico-políticas no contexto actual e un segundo bloque que “explora o compoñente liminar da arte de acción” e a súa relación con outras disciplinas.

“A primeira parte concentraríase máis no feito de que a performance é un presente continuo, algo moi inmediato porque precisa a presencia do artista e do público, mentres que a segunda fala das zonas liminares, da súa hibridación con outras artes, que amplían a práctica e tamén a reflexión teórica”, salienta a crítica, comisaria e investigadora Pol Rigau dunha publicación que seguindo esa mesma idea amosa na súa capa, ao despregarse, “unha grande constelación, que percorre o universo da arte con estacións onde se atopan os puntos de confluencia da arte de acción”.

Os coordinadores da publicación, Marta Pol e Carlos Tejo / Duvi

Do acontecer á “performance 2.0”

“O feito de acontecer está ligado ao efémero da práctica, pois o que acontece non perdura, pero, ao mesmo tempo, o acontecemento é fundamental para que algo ocorra, alimenta a propia existencia do proceso”, sinala Tejo do elemento diferencial dunha disciplina que nese senso, esquiva “algunhas das pretensións que moitas veces están asociadas á durabilidade do obxecto artístico”.

Afondar neste concepto é de feito senso o eixo do ensaio El discurso estético del acontecer; implicaciones conceptuales, co que Pérez abre o primeiro bloque dun libro no que Tejo propón unha análise da “política do corpo no espazo urbano” a través de tres casos de estudo “que exemplifican con claridade novas aperturas para este medio efémero”, o proxecto Bondi Beach; 21 beach cells, promovido en 2007 en Australia por Gregor Schneider; o proxecto Materias Ilimitadas, Lda, impulsado en Lisboa por Javier Nuñez Gascó; e a iniciativa da artista cubana Tania Bruguera El susurro de Tatlin.

Este bloque complétase con Posibles entornos dialógicos entre el arte de acción y el contexto político, de Marta Pol Rigau, na que, a través da análise tamén de propostas concretas, aborda como a arte de acción serve tamén para “performatizar o pensamento político” do artista, así como para promover “unha reflexión crítica sobre o que supón a propia institución arte”.

Política e feminismo na arte

“Tanto o contexto político coma o feminismo teñen e tiveron unha importancia capital na arte de acción e foron un importante motor”, engade a este respecto Carlos Tejo, que incide en como esta disciplina, “moi permeable ao contexto político”, constitúese en ocasións como unha “plataforma crítica que pretende denunciar ou visibilizar moi diferentes problemáticas”.

Nese senso, o segundo bloque do libro ábrese cun ensaio de Judit Vidiella que afonda nesta disciplina desde á óptica do feminismo e o novo materialismo, para logo incidir nos “problemas de presenza, pegada e rexistro” na videoperformance e na videodanza a través dun ensaio de Gabriel Villolta. Xa por último, a investigadora do grupo Imaxe e contextos e artista Alba Blanco suma a este volume unha reflexión sobre a “performance 2.0”, e como esta contorna, sinala Pol, pode servir como “unha plataforma para” que a disciplina “teña unha vida máis aló” do seu propio acontecer.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: