Xacemento de Porto Maior, nas Neves / CENIEH

A revista Nature publica por primeira vez unha fonda investigación sobre un xacemento paleolítico galego

A revista Scientific Reports, revista en acceso aberto da prestixiosa publicación científica Nature, acaba de publicar o artigo titulado ‘First evidence of an extensive Acheulean large cutting tool accumulation in Europe from Porto Maior (Galicia, Spain)’ onde se presentan os resultados das investigacións desenvolvidas neste importante xacemento galego do Paleolítico do que xa se falou en HdG.

O artigo é da autoría dos investigadores Eduardo Méndez-Quintas, Manuel Santonja, Alfredo Pérez-González do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), Mathieu Duval do Australian Research Centre for Human Evolution, Martina Demuro e Le Arnold da Universidade de Adelaida. É a primeira vez que unha revista do maior alcance científico e importancia mundial publica un artigo centrado nun xacemento arqueolóxico galego. “Estamos ante un fito na Historia de Galicia e ante o descubrimento arqueolóxico con maior transcendencia científica realizada en Galicia nos últimos 50 anos”, apuntan os autores.

O xacemento paleolítico de Porto Maior sitúase no concello das Neves (Pontevedra). Localizouse de maneira casual no ano 2005, con motivo da realización dunhas obras de extracción de terras, que deixaron a vista unha sección dos seus depósitos xeolóxicos.

Tras unha serie de traballos preventivos, desenvolvidos nos anos inmediatos ao seu descubrimento, durante 2012 e 2014 retómanse os traballos de campo no xacemento, a cargo do equipo de investigación que asina este artigo. Os traballos de investigación en Porto Maior foron financiados pola Consellería de Cultura, así como por diferentes proxectos do Ministerio de Ciencia e Innovación español e o Australian Research Council.

Xacemento de Porto Maior, nas Neves, con evidencias de ocupación humana de hai case 300.000 anos

Ocupación paleolítica

O artigo expón as principais características do xacemento Estes traballos de investigación puxeron de manifesto a existencia de múltiples niveis de ocupación de cronoloxía paleolítica, todos eles encuadrables na tecnoloxía achelense (cultura do paleolítico Inferior europea).

Adatación do xacemento realizouse mediante a aplicación de dúas técnicas moi avanzadas e aplicadas por primeira vez en Galicia: a Resonancia Paramagnética electrónica (ESR) e Luminiscencia de post infravermello-infravermello (pIR-IR). Ambas as técnicas depararon datos concluíntes situando a ocupación do xacemento entre os 300.000 e os 200.000 anos de antigüidade. Isto define a Porto Maior como o xacemento con restos de actividade humana máis antigo coñecido en toda Galicia.

“Isto vén desmontar a idea comunmente admitida que a primeira ocupación humana desta rexión realizouse en tempos moi recentes, en relación ao sucedido noutras rexións españolas”, indican os autores. De feito, destacan que non se coñece a día de hoxe xacemento de cronoloxía semellante en ningún outro punto de Galicia e confírmase de maneira incuestionable a presenza humana na rexión en cronoloxías moi antigas.

Pezas achelenses

A singularidade de Porto Maior non acaba na súa cronoloxía, se non que nuns dos seus niveis a acumulación deliberada de grandes pezas talladas achelenses (LCTs, Large cutting tools) é o primeiro caso coñecido en todo o continente europeo. Este tipo de comportamento é habitual en certos xacementos do Paleolítico inferior africano e de Próximo Oriente, pero nunca ata agora fora constatado en Europa.

Desta forma Porto Maior é un xacemento único no contexto europeo. Así mesmo, as ferramentas presentes neste nivel destacan polas súas extraordinarias dimensións, onde achegan medidas superiores aos 18 cm (con máximos de 27 cm e máis 2 kg de peso), cando o normal é que non superen os 15 cm. Isto convérteos nos de maiores dimensións coñecidos en todo o continente europeo e uns dos máis grandes a escala mundial. Esta circunstancia abunda na problemática sobre os procesos tecnolóxicos e culturais do Pleistoceno Medio Europeo, incidindo na coexistencia de dúas tradicións tecnolóxicas diferenciadas, o achelense de tipo africano, do que Porto Maior sería un dos seus maiores expoñentes, e as industrias de tipo Paleolítico medio antigo.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: