Localización dos petróglifos abandonados do Concello de Barro / A Forneiriña

A triste historia dos petróglifos de Barro, completamente abandonados desde o 2003

O Colectivo na Defensa do Patrimonio “A Forneiriña” ven de presentar unha denuncia na Consellería de Cultura  ante o desleixo polo patrimonio arqueolóxico dos titulares do monte no que se atopa un conxunto de nove petróglifos e a “irresponsabilidade” das administracións de cara ás xeracións vindeiras ante a falta de posta en valor do mesmo.

No concello de Barro constan inventariados polo menos 9 petróglifos entre os que destacan o Outeiro Codeso (descuberto logo dos incendios do ano 2006) e Pedra Mirtada no monte veciñal da parroquia de Perdecanai e o Castro Loureiro no monte veciñal da parroquia de A Portela.

Petróglifo oculto e afectado por desbroces no outeiro codeso, en Barro / A Forneiriña

Nos últimos anos estes conxuntos arqueolóxicos atópanse acubillados pola maleza impedindo o seu acceso. O Outeiro Codeso volveu a verse ameazado polo infortunio do lume no ano 2016.  No ano 2017 realizáronse actividades de desbroce nas inmediacións deixando sen limpar as pedras con gravados que seguen rodeadas polo toxo e sen sinalización que facilite a súa localización, segundo denuncia esta entidade. Tamén apuntan que o outeiro no que se atopan os petroglifos da Pedra Mirtada, tamén  segue cheo de maleza.

De feito, o conxunto de Castro Loureiro descuberto no ano 2003 representa a estación máis salientable do concello de Barro mais non foi obxecto de ningún tipo de coidado e protección. “No ano 2005 soportou os traballos forestais levados a cabo na zona que supuxeron un serio risco para a integridade das laxes  e seguen pendestes de sinalización e desbravado da vexetación que os acubilla”, suliña nhun comunicado.

Petróglifo de Outeiro Codeso, en Barro, tras os lumes de 2006 / A Forneiriña

Sen fondos

Este colectivo considera que os fondos comunitarios das Comunidades de Montes desvíanse para outras finalidades que di, nalgúns casos, non son competencias das Xuntas de Montes e noutros que non son tan prioritarias. “Estamos a falar da restauración do patrimonio titularidade do Arzobispado de Santiago, de fondos europeos para instalacións de biosaudables en parcelas municipais, ou instalacións eléctricas dun pazo con fondos resultantes da convocatoria da Deputación Provincial para o patrimonio cultural”, critica.

“Amparados polos convenios internacionais sobre patrimonio cultural, Estatuto de Autonomía e a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia entre outros, denunciamos a falta de información sobre os petróglifos do concello, a súa sinalización, limpeza e protección por parte tanto da Consellería de Cultura,  o Concello de Barro, ou a Deputación de Pontevedra”, engade. Así, lembra que no ano 2017 o ente provincial tivo un orzamento de 558.020€ para actuacións no patrimonio cultural e só se tramitaron para patrimonio arqueolóxico 2 proxectos de 2 concellos por un  importe de 26.558,76€. “Ambos casos son mostra da falta de implicación da Administración pola supervivencia e conservación do patrimonio arqueolóxico”, engade.

Petróglifo de Pedra Mirtada, en Barro / A Forneiriña

Imposiblidade de que as novas xeracións coñezan o patrimonio

Deste xeito, a entidade apunta que a falta de coidado e sinalización dos petróglifos supón un impedimento para a  difusión entre a poboación escolar” como o mellor xeito de garantir o aprecio e preservación polas xeracións vindeiras”.

“Sendo nos propios concellos nos que recae a obriga de salvagardar o patrimonio cultural que radiquen no seu termo municipal, sabendo que os bens declarados de interese cultural gozarán da máxima protección e exercendo o noso deber como cidadáns de poñer en coñecemento da Administración competente os danos ou perigos dos bens de patrimonio cultural facemos pública a nosa denuncia ante o abandono e falta de interese do Concello de Barro polos seus bens arqueolóxicos”, conclúe.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: