Recreación da chegada de Colón á Española

Uns dentes atopados nunha cova reconstrúen a poboación coa que se atopou Colón en 1492

Uns dentes de hai máis de 1.000 anos acaban de abrir unha nova porta no tempo que conecta directamente coas poboacións que Cristóbal Colón atopou ao pisar terra en América en 1492. Un equipo internacional analizou as pezas dentais atopadas nunha cova na illa de Eleuthera (Bahamas) para secuenciar o primeiro xenoma humano completo do Caribe.

As análises realizadas con métodos de radiocarbono 14 permitiron precisar que os dentes pertencían a unha muller da etnia dos Taínos –primeiros indíxenas americanos que experimentaron o impacto da colonización europea- e que viviu entre os séculos VIII e X, cinco centos anos antes da chegada do descubridor. O seu ADN aínda pervive na actualidade en Porto Rico, onde “entre o 10 e o 15% do ADN dos seus habitantes actuais é nativo americano e o resto un mosaico de orixe europea e africana”, explica o profesor da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas Ellacuriaga, integrante do equipo encargado do estudo que acaba de facerse público na prestixiosa revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS).

Fito no ámbito do ADN antigo

“Sen dúbida –engade o investigador da USC– é un novo fito científico no ámbito do ADN antigo, posible grazas ás novas ferramentas tecnolóxicas no ámbito da xenómica a grande escala e aos novos avances computacionais”. Ao redor desta nova achega conflúen a complexidade tecnolóxica, o tratamento de datos e a análise de restos de tanta antigüidade, “extraer ADN de restos óseos tan mal conservados é tremendamente complexo. Sen as novas tecnoloxías de secuenciación masiva tería sido imposible obter resultados deste tipo de restos arqueolóxicos”, afirma Antonio Salas.

Por outra banda, prosegue o investigador, “o reto computacional é sempre importante, porque a tecnoloxía non está aínda o suficientemente evolucionada para traballar con cantidades tan grandes de datos. Trátase de xestionar non só co xenoma obtido dese espécime antigo, senón con miles doutros xenomas que se utilizan como marco necesario de referencia para a análise”.

A colonización asociada ao desembarco de Colón en territorios do Caribe derivou nun gran conflito de civilizacións. O grupo indíxena maioritario estaba representado polos Taínos que habitaban as illas que hoxe abarcan Bahamas, Antillas Maiores (Cuba, Xamaica, República Dominicana, Haití e Porto Rico) e o norte das Antillas Menores. As poboacións nativas “foron desaparecendo nun curto espazo de tempo e asimiladas cultural e bioloxicamente”, aclara Antonio Salas Ellacuriaga.

Descendente de taínos, a poboación coa que se atopou Colón/ Youtube

Atopar pobos perdidos

A pesar de que foron pobos totalmente extinguidos existe a esperanza de identificar a xénese destas poboacións usando aproximacións que van dende a arqueoloxía, a lingüística ou a xenética. No caso desta última disciplina, o profesor Salas identifica dúas posibles vías principais de exploración: “por un lado o estudo das poboacións actuais.

Moitos destes pobos teñen entre os seus ancestros algúns dos habitantes primixenios e, polo tanto, no seu ADN aínda conservan parte desta historia”. A segunda fonte de información “está na análise de restos óseos destas poboacións atopadas nas exploracións arqueolóxicas. As condicións ambientais do Caribe non axudan, non obstante, á boa preservación dos retos polo que a análise de ADN antigo é simplemente un reto que ata agora non se tiña podido alcanzar”.

“No xenoma do taíno obsérvanse sinais que indican unha redución poboacional extrema moi ancestral, coincidindo coa chegada dos primeiros poboadores do continente americano a través do estreito de Bering” explica o xenetista da USC. O mesmo investigador engade que “o estudo non evidencia a existencia dunha forte endogamia ou signos de illamento no xenoma da muller taína, polo que os datos apuntan a que o tamaño efectivo desta comunidade era razoablemente grande, superior aos 1.600 individuos reprodutores”.

Este tamaño é incluso superior ao dalgunhas poboacións que habitan hoxe en día o continente americano como os Karitiana e os Surui. O doutor Salas considera que se trata dun resultado “moi chamativo, se temos en conta que a illa de Eleuthera ten unha extensión de tan só 518 quilómetros cadrados e resulta difícil imaxinar como unha comunidade tan grande podía convivir nun espazo tan reducido”. A resposta podería estar “na gran mobilidade destas comunidades e a existencia de redes pan-rexionais máis alá das súas localidades de nacemento e residencia”. Estas redes, conclúe o docente de Medicina, “favorecerían o intercambio de coñecemento, pero tamén de xenes e ademais serían compatibles coa achados arqueolóxicos existentes”.

Ilustración de Taínos durante a conquista hispana de América

Lingua

A muller agora identificada a través das súas pezas dentais mostra un xenoma semellante ao das poboacións do sur de América, poboacións que falan as linguas coñecidas como arahuacas (ou Arawakan). Como destaca o propio xenetista, “resulta interesante lembrar que destas linguas temos herdado vocablos como batata, cacique, caníbal, maíz ou tabeirón, entre outros”.

De xeito coordinado con persoal investigador da Universidade de Copenhague e doutros grupos de Estados Unidos e Inglaterra, dende o equipo da USC, que tamén integra o investigador Alberto Gómez Carballa, “temos traballado con poboacións contemporáneas de América, incluíndo moitas do Caribe e Meso-América, como Cuba, República Dominicana, O Salvador ou México entre moitos outros”. A experiencia acumulada “permitiunos facer avances importante non so na área da antropoloxía molecular senón tamén noutras disciplinas aplicadas da biomedicina”, afirma Antonio Salas.

Nova investigación

Hai tan só tres anos, un artigo publicado tamén en PNAS polos mesmos autores era destacado como un dos dez descubrimentos máis importantes do ano 2015 pola prestixiosa revista Archaeology, a publicación do Archaeologycal Institute of America. Naquela ocasión, o equipo analizou restos óseos tamén escavados no Caribe pero co foco posto no tráfico de escravos trasatlánticos.

“Sempre resulta excitante dar un paso máis no coñecemento da historia das poboacións humanas. Neste caso é como si o ADN quixera lembrarnos que aínda temos moitas débedas pendentes con todos estes pobos” reflexiona Antonio Salas sobre o novo traballo.

Antonio Salas é profesor da Facultade de Medicina da USC e membro do Instituto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ dende o ano 1994 onde realiza pericia no ámbito forense e a criminoloxía. Ademais coordina o grupo GenPoB (Xenética de Poboación en Biomedicina) do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) de Santiago onde realiza investigación traslacional entre a xenética de poboacións e a biomedicina.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: