Obras na estación de San Cristóbal / Redacción

A vella estación de ferrocarrís da Coruña comeza a transformarse e pasa de vermella a azul

Fai xa un par de meses que dun xeito un tanto inesperado apareceran os primeiros andamios no interior da estación de ferrocarrís da Coruña. Coas obras da intermodalidade ás portas e co proxecto do arquitecto coruñés César Portela xa aprobado tempo atrás, so faltaba a confirmación de Adif para o seu comezo. Estaba claro que non eran de todo obras de mantemento. Os altos andamios escalando ata o cumio do recinto adiantaban o que estaba a acontecer: o comezo da nova terminal. Nada hai da escavación nin da estrutura do futuro edificio, senón que Adif comezou as obras pola parte máis sinxela, o acondicionamento da vella cúpula metálica. E é que en febreiro de 2017 Adif aprobou a adxudicación da rehabilitación integral da cuberta histórica cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros, sendo en si o paso previo da nova construción.

Dous meses despois do seu comezo as obras avanzan a bo ritmo e no momento actual xa se cambiou por completo a cubrición e xa se atopa repintada a maior parte das gran estrutura metálica. E non era sen necesidade xa que o estado das bóvedas, non sendo por completo malo, empezaba xa a necesitar algo máis que un amplo retoque. Non tanto polas vigas e a estrutura histórica de ferro senón máis ben pola cubrición de fribrocemento, a omnipresente Uralita da cidade, un material feito con amianto e nocivo, que precisa cando é retirado dun equipo especial. Esta cubrición instalada no último terzo do século XX, non so lanzaba unha imaxe escura e lúgubre da estación, senón máis ben cutre do conxunto. Mais afortunadamente na actualidade estas láminas xa foron substituídas na súa práctica totalidade por unha estrutura de aceiro multicapa con illamento térmico.

Obras na estación de San Cristóbal. Estado actual / Íñigo Mouzo Riobó

Pero máis alá da cubrición destaca moito máis o repinte da estrutura de ferro. Estos son os verdadeiros elementos que nos adiantan a estética do que será a estación que se construirá. Pois da cor encarnada que historicamente tivo a estrutura, mudase cara o característico azul empregado habitualmente polo arquitecto encargado do proxecto, César Portela Fernández-Jardón. É a mesma cor empregada por este arquitecto, por exemplo, na obra de ampliación da terminal do aeroporto de Peinador en Vigo ou no interior do Palexco da Coruña, unha estética que se convertiu nun verdadeiro leitmotive das súas obras, inspirado nas cores propias do noso país. Mais, do mesmo xeito que en esta, o outro gran referente do artista, o granito azul de Porriño, volverá a ser o protagonista na estación coruñesa, unha táctica de sacralización dos espazos a través deste material nobre.

Mais este é so o comezo da obra, o proxecto gañador do concurso convocado no ano 2014, é unha espaciosa terminal que combina trens e buses e que ten como elemento estrella unha pasarela que une os barrios dos Mallos co de Elviña, así como unha imaxe racionalista e atractiva no que o aceiro, a pedra e o azul, que xa enche a actual sala de espera, serán os elementos principáis. A estación proxectada terá unha capacidade de 5,8 millóns de viaxeiros ó ano, unha estación de autobuses de 40 dársenas, ademais doutros usos complementarios posibles coma un hotel, áreas comerciais e oficinas, respectándose o antigo edificio coa actual cúpula histórica de ferro utilizada como gran vestíbulo da nueva actuación.

Proxecto de Intermodal da Coruña / césarportela.com

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: