fbpx

A Xunta esquece o Castro de Chandebrito, calcinado nos lumes de outubro e con riscos de derrube

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado novembro, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autorizaba a intervención urxente na contorna do Castro de Chandebrito, na parroquia de San Xosé de Chandebrito (Nigrán). Un castro que quedou arrasado durante a vaga de lumes de outubro, tal e como xa informou esta web.

Así, informaba nun comunicado ,do que tamén deu conta esta web, de que en menos de tres horas, logo de ter coñecemento da urxencia da actuación, a Xunta informou favorablemente á solicitude da Comunidade de Montes de Man Común de Chandebrito, que xustificou a intervención no perímetro do castro debido ao risco de desprendemento de varias rochas situadas nas abas sur e norte do monte onde se localiza o xacemento arqueolóxico.

Tamén evitaba realizar movementos de terras ou modificacións da rasante natural do terra e indicaba que cumpría comunicar ao Servizo de Patrimonio as medida ou características das actuacións finalmente establecidas.

Criticas do alcalde

Con todo, tres meses despois, o alcalde de Nigrán, Juan Antonio González (PSOE), asegura que non se fixo nada e que continúa o risco de desprendemento de rocas neste castro, tras levar “tempo esperando” a que a Xunta actúe. Así, reprochou que hai un mes a Xunta comprometeuse cunha partida para dar solución e segue sen noticia.

Tamén apunta que a maioría do terreo queimado en Chandebrito –onde houbo dous falecidos– é de comunidades de montes, que se atopan con dificultades á hora de realizar curtas, xa que deben obter “moitas autorizacións”.

Xurés e Ancares

Tamén os rexedores da zona do Xurés e dos Ancares denuncian a falta de axudas para rexenerar a zona. A alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez (PP), lembra que ao seu municipio afectou “o lume de maneira moi importante” no Xurés, polo que prevé que será unha “rexeneración lenta” dado que os “danos aínda son moi perceptibles”.

Pola súa banda, o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez (PSdeG), incide sobre unha das principais problemáticas que lle trasladan os seus veciños, e é que “non lles deixan pastar en zonas queimadas”, mesmo “en leiras privadas que arderon”.

Petróglifos de Outeiro do Mar, en Moscoso (Pazos de Borbén) totalmente afectados polos incendios de outubro de 2017 / Vicky

O patrimonio, sen axudas

De feito, na concesión de axudas da Xunta ao patrimonio (con preto de 22 millóns), a Xunta non informou de ningunha para a recuperación do Patrimonio queimado, mentres que se concederon case medio millón de euros aos cazadores, tal e como xa publicou esta Web.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...