Pergamiño Vindel, obra de Martin Códax / DUVI

Adeus a un dos grandes documentos do ADN de Galicia

Foi a semana pasada cando finalmente pechou a exposición. O famoso Pergamiño Vindel deixaba de novo a ría de Vigo para voltar á Morgan Library & Museum de Nova York, lugar no que durante 40 anos estivo en depósito. Un escrito que moitos autores consideran como parte do ADN de Galicia. Atrás quedan cinco meses nos que o Museo do Mar de Vigo, obra de Aldo Rossi e César Portela, no barrio do Alcabre, ó pé do mar, acollía a exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas. Fora a primeira vez que se exhibía ó público en Galicia. O manuscrito de Martín Códax contén a letra e melodía das sete cantigas de amigo máis famosas da lírica galego-portuguesa.

A exposición, baixo a mirada da ría, fíxose posible grazas á Universidade de Vigo e a Morgan Library & Museum, coa colaboración da Xunta, e foi un rotundo éxito. Acadou unhas 50.000 entradas vendidas e a visita de máis de 400 centros escolares. A exposición estivo comisariada polo historiador Francisco Singul e, ademais do famoso pergamiño, contaba con outras máis de 50 pezas que serviron para contextualizalo, entre pinturas, documentos, esculturas, arte moble, pezas arqueolóxicas e ourivería. A exposición estivo divida en sete partes, unha por cantiga.

O Museo do Mar de Vigo é unha obra clave da arquitectura contemporánea galega e universal / xunta.gal

A despedida fíxose o pasado día 4 de marzo cun acto solemne no museo o que asistiron tanto o presidente da Xunta, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, así como representantes de ambos os dous museos. O acto foi dirixido por un trobador e un xograr que xogaron o papel de presentadores do acto e que trataron de levar ós asistentes á época medieval. A cantante Uxía e o arpista Roi Casal foron os encargados de pór voz e música a Martín Códax e ás cantigas na súa última noite ó pé da ría que as inspirou.

 

O pergamiño

 

É un documento de 34 x 45 cm. datado entre finais do século XIII e comezos do XIV. Contén as sete cantigas de Martín Códax, coa notación musical de seis de elas. Está escrita en catro columnas, a dúas cores, vermello e negro, e contén 90 versos e 21 pentagramas. O nome de Martín Códax aparece en color encarnado na parte superior na mesma cor que aparecen as iniciais ornamentais e máis a notación musical. Aínda que xa eran coñecidas por outras fontes o pergamiño foi un documento excepcional, sobre todo pola súa notación musical. Esta foi única no contexto medieval xunto coa das Cantigas de Alfonso X e máis as cantigas de amor de Don Dinís conservadas no pergamiño Sharrer.

O pergamiño foi descuberto no ano 1914 por Pedro Vindel dentro da súa biblioteca, servindo de forro a un exemplar da obra de Cicerón encadernado no século XVIII. Foi publicado en facsímile ó ano seguinte. Pero de seguido desapareceu ó pasar ás mans do musicólogo Rafael Mitjana, quen durante moito o tempo o tivo na súa biblioteca. Redescubriuse durante a morte deste en 1921 sendo vendido e cambiado de mans ó longo de toda Europa por máis de medio século. En 1977 foi adquirido pola Morgan Library de Nova York onde permaneceu dende aquela.

O mar de Vigo e Illas Cíes _ rosenmasqueCC0

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: