fbpx
Ribeira Sacra / titosoftCC0

Amandi, un dos segredos que oculta a Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 3 min.

Aínda é unha candidatura, pero a Ribeira Sacra é unha rexión de Galicia que acumula méritos dabondo para converterse en patrimonio de todos e cada un dos habitantes do globo. Non so polas súas paisaxes e diversidade natural, ou polos seus mosteiros e o seu patrimonio monumental único, senón que a Ribeira Sacra é ademais unha das rexións cunha cultura inmaterial viva, unha das máis ricas de Europa, que se asenta sobre o que moitos lle chaman vendima extrema. Cunha historia que se remonta a época romana a O D.O. Ribeira Sacra nace nas empinados socalcos arredor dos canóns do Sil e o Miño, nun singular microclima que fai destes caldos, dunha calidade excepcional, un patrimonio vivo dunha artesanía secular.

O Sil ó seu paso por Sober / foto Concello de Sober

Dentro da Ribeira Sacra destaca a subrexión de Amandi. Esta non fai referencia a un tipo de uva, senón a un lugar en concreto onde se colleitan. Isto é na parroquia de Amandi. no Concello de Sober, ó sur das Terras de Lemos. Amandi é unha parroquia con tan só 66 habitantes e unhas 20 entidades de poboación, segundo ó último padrón, limitando co Sil e con Ourense. Mais por Amandi coñécese fundamentalmente ós viños recollidos en realidade en oito parroquias do sueste do municipio de Sober que traballan e elaboran uvas tintas de Mencía, Caíño, Sousón e Merenzao entre outros.

Esta parroquia que da nome a esta denominación foi en realidade un lugar de especial relevancia en tempos. Segundo un documento do ano 842 neste lugar, preto do río Sil existiría un mosteiro bieito coñecido co nome de Santa María de Amandi, que sería destruído tempo despois polos ismaelitas. O lugar foi tamén arciprestado, e da importancia histórica desta parroquia fálanos o feito de que fora unha das sesenta xurisdicións nas que estivo dividido o antigo Reino de Galicia. Segundo os expertos a actual igrexa parroquial de Amandi levantaríase sobre as ruínas de aquel antigo mosteiro.

Sober / fotoConcello de Sober

A festa do viño de Amandi

Dende o ano 1981 fíxose encaixar a festa do Viño de Amandi co Domingo de Ramos, coincidindo cunha antiga feira de ganado a piques da desaparición que pretendía revitalizarse. Naquel primeiro ano invitouse ós colleiteiros do lugar a traer os seus caldos á feira como medio de revivila, máis o día da festas se atoparon finalmente no lugar, segundo se conta, 13 barricas de 32 litros de viño e unha vaca. No ano seguinte o Concello mercou 3.000 botellas que vendeu na festa ó dobre do seu prezo de mercado, descubríndose por fin para este caldo unha capacidade única de traspasar as fronteiras da rexión. Dende aquela a fama dos viños de Amandi non deixou de crecer e a día de hoxe é un dos sinais de identidade da D. O. Ribeira Sacra. Por isto cada Domingo de Ramos celébrase tamén a Festa do Viño de Amandi.

Uva tinta, co que se fai o Amandi / PedroFigueirasCC0

Este ano a festa será os días 24 e 25 de marzo e, unha vez máis, o viño das Ribeiras do Sil será o protagonista desta XXXVI edición. Este ano, ademais da precatas nos salóns da Oficina de Turismo, contarase, este sábado 24, co pregón da artista Cristina Pato e co seu propio concerto ás 20 horas no auditorio do Centro Sociocultural. Ademais, na noite deste mesmo sábado actuarán na praza do Concello Os Parentes e máis Gin Toni´s. O día seguinte charangas, bandas de música e pasarrúas amenizarán a festa que contará coa cata oficial, no Centro Sociocultural, a entrega de premios e a actuación, xa pola tarde na praza, da orquestra Suavecito.

Ribeira Sacra / foto locuigCC0

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...