fbpx
Parada de autobús en Laxe / colección José Vidal

#AnoVidal… Cando un arquivo fotográfico é o ADN dunha vila

Tempo de lectura: 2 min.

Este 2018 será o ano do Arquivo Fotográfico Vidal, unha colección de fotografías única que describe a vida de Laxe e de toda a Costa da Morte a comezos do século XX e da que xa demos conta en HdG. Por iso, o Concello de Laxe está empeñado en recuperar e poñer en valor o patrimonio fotográfico de José Vidal García, un dos persoeiros máis ilustres da historia de Laxe e da comarca de Bergantiños. E para realizará un completísimo programa actividades e actuacións que se van emprender durante o 2018, o que será o #AnoVidal. Un plan que serve ademais para conmemorar o 30 aniversario do seu pasamento.

Son varias as cousas que están en marcha no #AnoVidal, entre elas o impulso da Declaración BIC da colección que xa foi solicitada polo concello o pasado mes de outubro. A petición atópase na última fase polo que entre abril e maio o Concello poderá informar da resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta.

Vista parcial da Vila de Laxe a mediados do século pasado / colección José Vidal

Libros e museos

Así mesmo, o investigador costeiro Xan Fernández Carrera está sendo o encargado de recuperar a vida e obra do fotógrafo no libro “José Vidal, unha vida dedicada á fotografía”. Un libro que axudará a comprender a relevancia social de Vidal.

Ademais, o Arquivo Vidal servirá para darlle aínda máis vida ao revivido Museo do Mar de Laxe. De feito, o 1º andar do edificio será dedicado exclusivamente á obra do fotógrafo, pois sen esta proposta o Museo non tería entrada na Rede Galega de Museos.

A exposición permanente (con visos de ser tamén itinerante) contará cuns equipamentos museísticos de primeira calidade: pantallas tácties, vitrinas de exhibición de cámaras e documentación, bandeirolas informativas, vinilos… E por suposto, 60 cadros con fotos deste arquivo con temática da cultura mariñeirada Costa da Morte. Do xornal comarcal QPC.

Pode que che interese...