fbpx
O afundimento foi a 490 km de Fisterra / foto makuninCC0

Así foi o afundimento do submarino nuclear ruso K-8 preto das costas de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

Corría o ano 1970 e a Guerra Fría aínda estaba en pleno apoxeo. Daquela unha das frontes de confrontación máis claras era o Atlántico Norte, unha zona que historicamente foi un taboleiro táctico para as grandes guerras navais da historia. Máis para as dúas grandes superpotencias a posibilidade dunha guerra armada xa non estaban sobre o mar senón baixo este, e tanto un bando coma o outro desenvolveron un gran arsenal submarino. A Unión Soviética era polo de aquela a máis grande potencia neste sentido.

Aquel ano, o 22 de abril, tiña lugar o centenario do nacemento de Vladimir Ilich Lenin, e as homenaxes se sucedíanse tanto en terra coma no mar. O Atlántico Norte foi  sede, unha vez máis, dunha destas homenaxes. Pois unha parte considerable da flota rusa decidiu desenvolver un exercicio entrenamento militar con algúns dos seus maiores buques de referencia. Entre eles estaba o K-8, un submarino nuclear de dobre casco da clase November, Kit ó Balea, cargado con en torno a uns vinte torpedos, catro deles con potencial nuclear. 

Un submarino nuclear nun astaleiro de Normandía / foto jackmac34CC0

Mais este 8 de abril de 1970 mentres realizaba o exercicio OKEAN-70, o máis grande xamais realizado pola armada soviética, o K-8 sufriu un importante accidente. A causa foron dous lumes simultáneos no sistema de aire provocados por un pequeno curtocircuíto, mentres o submarino se atopaba en plena inmersión ó redor de 120 m. de profundidade. Isto fixo que os reactores nucleares e o sistema de auga a presión tiveran que ser apagados. O submarino subiu á superficie pero, non pudendo apagarse o lume, os reactores quedaron inutilizados deixando ó submarino sen capacidade de xerar enerxía. Xa na superficie foi estabilizado e preparado para remolcarse a porto.

Mais unha vez máis as forzas do Atlántico Norte puideron sobre a tecnoloxía e, as malas condicións do mar, que de súpeto se levantaban, fixeron imposible o arrastre. A auga comezou a entrar nel e, pese ós esforzos de mantelo a flote, o 12 de abril de 1970, tívose que proceder á evacuación dos tripulantes ó barco búlgaro Avior mentres o casco se inundaba. A popa do buque rematou por encherse de auga por completo e os sistemas de presión non aguantaron. O submarino rematou por afundir. Mais a evacuación non puido ser completada e 52 tripulantes finaron no buque incluído o capitán, Vsevolod Borisovich Bessonov. Sobreviviron porén 73.

 

Un perigo a 490 km das costas galegas?

 

Segundo narran as testemuñas ó afundirse o buque sentíronse violentas sacudidas, presumiblemente da explosión dos tanques de aire comprimido e das baterías, do aplastamento do casco pola sobrepresión e, probablemente, da explosión dalgúns depósitos de combustible e de hidróxeno a raíz dunha fractura térmica. Pouco antes de afundirse as medicións radioactivas xa daban niveis elevados. O K-8 contaba con potentes motores e máis con catro bombas, todos eles nucleares, xunto con outros 16 torpedos de cabeza convencional, que hoxe xacen no fondo do Atlántico. Os restos radioactivos que, ó parecer, foron selados segundo os protocolos durante o accidente, mantéñense na actualidade nas profundidades do Golfo de Viscaia, a 4680 metros de profundidade e a uns 490 km da costa de Fisterra.

Un tubo de baleiro dun radar da Unión Soviética / foto olafpicturesCC0

Esta información, e a alerta deste potencial perigo, foi recollido no ano 2014 nun artigo de Astrovigo (www.astrovigo.es). Foi asinado polo enxeñeiro industrial César M. González Crespán, quen a pesares de investigar fondamente o tema e pedir información detallada ás administracións de España e Rusia non conseguiu que transcendera realmente ós medios a nova. O artigo, que se pode consultar actualmente neste link, é un relato especialmente completo e detallado sobre o afundimento do K-8, no que se expón boa parte da documentación recadada así coma os documentos achegados polas administracións ás peticións de César.

No artigo, ademais de facerse un percorrido pola historia dos accidentes da navegación nuclear, se poñen de xeito rigoroso sobre a mesa os perigos que pode ter actualmente as consecuencias deste afundimento. Segundo se recolle, nin o Consello de Seguridade Nuclear do Estado nin o Ministerio de Industria nin a Flota da Federación Rusa deron unha resposta concreta ás súas peticións. No caso do goberno de España limitánrose a responder, nese ano 2014, que o Estado fai constantemente medicións de radioactividade en toda a costa española, e o goberno ruso, afirma, non haber problema coa situación. Mais como afirma González non lle consta que se fixeran ningún tipo de estudos nin medicións sobre o lugar do afundimento.

Unha pastilla de Uranio / foto wikilmagesCC0

Pode que che interese...