Avión de Iberia nos anos 50. / Consorcio de Santiago

Cando os presos republicanos fixeron o gran aeroporto de Galicia

En 1918 voaba o primeiro globo aerostático polo ceo de Santiago de Compostela. Máis alá das aves era a primeira vez que a cidade compostelá vía sobre os seus ceos a persoas que se lanzaran ó aire dende a histórica cidade. Dende aquela, o teito de Santiago e dos seus arredores foi surcado sen descanso ata a propia actualidade, na que o aeroporto compostelán ocupa o noveno posto de tráfico aéreo peninsular dentro de España. Foi un século completo de historia aeronáutica en Compostela, que ata o de agora contaba cun gran baleiro e descoñecemento historiográfico. E dicimos ata o de agora porque este pasado mércores se presentou na compostelá Fundación Torrente Ballester o libro Cen anos de aviación en Compostela. Un libro no que se conta a importancia que os presos republicanos tiveron na construción do actual aeroporto de Lavacolla.

Portada do libro 100 anos de Aviación en Compostela / Consorcio de Santiago de Compostela

O libro, de Xerardo Rodríguez Arias, e publicado polo Consorcio de Santiago de Compostela e Andavira Editora, presentouse na fundación do Vilar este mércores as oito da tarde. O acto contou coa presencia do alcalde Martiño Noriega e a xerente do Consorcio, Belén Hernández, o responsable de publicacións do organismo, Juan Conde, así como a directora de Andavira Editora, Lucila Ventoso. O autor é controlador de circulación aérea de profesión, desempeñando diferentes postos de traballo operativos en Barcelona e en Santiago. Dende a súa xubilación dedícase á investigación do pasado aeronáutico español e galego.

E é que nos cen anos de voos sobre a cidade, Compostela, e en concreto Lavacolla, tivo unha historia máis interesante e dilatada do que semella. Foi en 1932 cando o primeiro grupo de afeccionados constrúe o primeiro aeroclube da cidade, no lugar da Lavacolla, e a partires de ese momento, dende accidentes aéreos ata o voo dun Concorde, enchen a historia da aviación na cidade. A obra, de case 500 páxinas, estuda a historia dos voos na cidade dende as súas orixes ata a actualidade. A creación do Real Aeroclube, a construcción das tres terminais históricas de pasaxeiros, o nacemento da Escola de Pilotos e as orixes do aeródromo militar son algunhas das historias retratadas. O libro recolle unha ampla documentación fotográfica e numerosas pasaxes da historia da aviación na cidade.

Do Aeroclube á moderna terminal de Noguerol y Díez

O aeroporto de Santiago comeza a súa historia en 1932 coa creación do Aeroclube da cidade e da construción dunha primeira pista de aviación no lugar da Lavacolla, a 16 quilómetros da cidade. A súa primeira pista, xa máis ou menos no lugar actual, formaba un triángulo que por dimensións apenas pasaban dos mil metros no seu lado máis longo. Tamén se construíu o primeiro edificio que sería substituído tras a Guerra Civil por unha primeira terminal de madeira que perviviría ata a década de 1960.

Ampliación da pista de Lavacolla en 1965 / Consorcio de Santiago de Compostela

O verdadeiro protagonismo do aeródromo da Lavacolla chegaría coa Guerra Civil cando o exército de Franco comezaría a empregar as pistas para as súas campañas militares. Máis xa un ano despois de comezada a guerra se planteará iniciar servizos regulares de pasaxeiros nunha liña entre Santiago-Salamanca-Valladolid-Zaragoza. A construción do aeroporto, e da primeira gran pista de terra, será feita con presos políticos a traballos forzados anciñados no campo de concentración de Lavacolla. Tristemente este é o xerme do primeiro aeroporto comercial de Galicia.

Mais o verdadeiro arrinque da aviación comercial será, coma fenómeno global, na década de 1950. En 1948 comézanse as obras de asfaltado da pista, ata aquela de terra, e en 1953 constrúese a pista de rodadura e o primeiro estacionamento. Na década de 1960 constrúese a segunda terminal, que se irá ampliando ó longo das dúas décadas seguintes. Tamén se constrúe o parque contra incendios, a torre de control e, en resumo, todas as infraestruturas para o tráfico de pasaxeiros. Na década de 1980 será a quenda da terminal de carga, tamén ampliada sucesivamente, e para o Ano Santo de 1993 instálase o primeiro sistema antinéboa.

No ano 2007 AENA presenta o proxecto dunha nova terminal, o que suporía de feito a xubilación da inaugurada case medio século atrás. A nova obra, unha infraestrutura deseñada para atender, segundo AENA, a 4 millóns de pasaxeiros anuais, ou 2.500 por hora, foi deseñada polos arquitectos galegos Alberto Noguerol e Pilar Díaz, autores, entre outros edificios, do Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. Entrou en funcionamento no ano 2011, cun retraso de algo máis de un ano, e na actualidade é a gran porta de entrada aeroportuaria á Galicia. Na actualidade a terminal de Compostela acolle preto de medio centenar de liñas nacionais e internacionais, dende Bilbao ata Fráncfort.

Detalle dun pilar no novo aeroporto de Lavacolla / Historia de Galicia

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: