Xogo popular da marqueta, orixinario de Mazaricos / Suso Jurjo - QPC

Coñece a Marqueta, un xogo popular da Costa da Morte en vías de extinción

O técnico de cultura do Concello de Mazaricos, Suso Jurjo, recuperou a historia dun xogo tradicional moi peculiar que está en vías de desaparición, a marqueta.

A marqueta era un dos xogos tradicionais máis característicos de Mazaricos. Hoxe descoñecido para a maioría da rapazada debido á influencia da televisión sobre as prácticas deportivas, os xogos e os pasatempos.

Como a maioría dos costumes populares do noso País non se conta con documentación sobre o inicio e evolución da marqueta. Segundo Jurjo, a súa orixe está nos “marcos” que serven de deslinde entre as diferentes fincas. Durante a nenez e a xuventude eran posibles espazos de liberdade e permisividade, onde os xogos e trasnadas da rapazada podían chegar a transgredir ou ridiculizar un dos dereitos máis enraizados da comunidade labrega , a inviolabilidade da propiedade. Guindar “marcos” a pedradas e xogar coas acolleitas puido ser o xerme da marqueta, un símbolo de oposición as normas dos maiores, pero só iso, xa que o desenvolvemento do xogo real é totalmente inofensivo.

REGULAMENTO

Como se xoga ao Xogo popular da marqueta en Mazaricos.

ELEMENTOS DO XOGO

– Marqueta: Pedra plana de forma rectangular tipo “tellota”, sobre a que se fai puntería.
– Rebolo: Pedra pequeneira e arredondada, tipo “seixo”, coa que os xogadores intentan guindar a marqueta.

CAMPO DE XOGO

Pódese xogar en calquera sitio minimamente espallado: un herbal, un camiño, unha eira … Nun dos extremos do terreo colócase a marqueta en posición vertical, normalmente apoiada nunha pedra máis pequena que axuda a sostela. Desde a marqueta cóntanse sete pasos e trázase unha raia que será a distancia mínima para facer puntería sobre a marqueta.

NÚMERO DE XOGADORES

A marqueta é un xogo individual, onde como mínimo fan falla dous participantes, e aínda que non ten un máximo estrito, por criterios de claridade, non deberían superar os 10 xogadores.

SISTEMA DE PUNTUACIÓN

En cada xogo só pode puntuar un participante. O primeiro que logre guindar a marqueta optará 10 puntos, e o primeiro que consiga 100 puntos gañará a partida.

Como son as regras do xogo popular da marqueta, en Mazaricos / Suso Jurjo- QPC

DESENVOVEMENTO DO XOGO

Os xogadores sitúanse ao lado da marqueta e desde ese lugar farán o primeiro lanzamento do rebolo á raia marcada con anterioridade, con esta operación establecerase a orde de participación tomando como referencia a distancia existente entre o rebolo e a liña. Empezará primeiro o que quede máis lonxe da raia e así sucesivamente. Despois de sinalada a orde, e outra vez desde a marqueta, realizaran unha segunda tirada ao lugar desde o que queiran facer puntería, quedando descualificados dese xogo os participantes que non superen a raia. Cada xogador intentará tirar a marqueta desde o punto no que caeu o seu rebolo, tirando primeiro o que estea máis lonxe e así sucesivamente. Puntuará o primeiro que logre ghindar a marqueta. Para os seguintes xogos seguirase o mesmo proceso.

ELIMINATORIAS

Os gañadores de cada partida agruparanse en novos equipos ata que só quede un equipo final do que sairá o campión.

 

En agosto de 1997 a Asociación de Veciños Monte Picoto da Picota organizara un campionato que tivera unha xenerosa participación. Tiveron lugar no Campo da Feira da capital municipal e o vencedor fora JOSÉ MANUEL ESPERANTE ALVELA (José Manuel de Tanexo da Picota). Pese á boa acollida non se lle deu continuidade a esta iniciativa, e vinte anos despois atopámonos con varias xeracións de rapaces e mozos que, seguramente, nunca oíron falar da marqueta nin saben como xogar a ela. “Sería desexable a recuperación deste entretemento tan noso e non menos divertido que tantos outros que están en circulación”, apunta Jurjo. Vía QPC.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: