fbpx
Casa de Baba Yaga / Mendoza

Deusa e bruxa, así ven á Vella galega no resto do mundo

Tempo de lectura: 4 min.

Falabamos na última entrada da grande similitude existente entre a nosa Vella e Frau Holle –personaxe da mitoloxía xermana–, ata o punto de concluír que ámbalas dúas son a mesma. Un feito non tan estraño, se temos en conta os intercambios culturais entre ambas zonas. Máis abraiante resulta saber de deusas, a todo punto asimilables á Vella, pero orixinarias de lugares moi afastados entre si e repartidos por todo o planeta. Vexamos algúns exemplos e despois saquemos conclusións:

Sáhráhkká (algo así como, “primeira nai”) é unha deidade da mitoloxía Saami –pobo indíxena actual de Laponia– dedicada ó fiado e que habita entorno á lareira. Tamén é protectora das mulleres embarazadas: ela crea os corpos dos meniños no seu propio ventre e despois colócaos no útero das mulleres. Tódolos bebés que crea son nenas, e será unha irmá súa a encargada despois de decidir cales cambian para ser nenos.

Saule (“Sol”) é unha deusa báltica que fiaba os raios de luz e á que se conmemoraba no Solsticio de Inverno, celebrando o seu retorno. Ten unha filla chamada Saules meita (identificada ás veces coa Estrela Matutina) que a acompañaba na súa viaxe polo ceo e era, á vez, unha dobre súa.

Saule e a súa filla á dereita da imaxe / https://www.izdziedam100.lv/dziesmas/pie-dievina-gari-galdi

Na mitoloxía exipcia, azteca e maia

Dúas deusas comparten na mitoloxía exipcia os atributos da nosa Vella, Neith e Neftis, as cales algúns investigadores entenden como a mesma figura. Neith é a deusa inventora do tecido, representada cunha lanzadeira de tecedora; entre as súas funcións están axudar á saída do sol ou protexer ós mortos. Neftis (“muller máis vella da casa”) está moi ligada a Isis e representa todo o oposto a esta, pois leva –xunto ó seu marido Seth– o caos e a destrución, aínda que tamén guía ós viaxeiros nas travesías a través do deserto. Do mesmo xeito, tamén favorece a viaxe das almas dos finados cara o alén.

Toci (“a nosa avoa”) é a deusa dos médicos, curandeiros, parteiras e adiviños do panteón azteca. Tamén era a patroa das tecedoras e fiandeiras, e os que nacían no seu día estaban predestinados a ser boas persoas que se sacrificaban polos demais.

Na mitoloxía maia, Ixchel (“muller do arco da vella”) era a deusa dos traballos téxtiles, a medicina e o embarazo. Representábase como unha vella con dúas facetas: ou ben tecendo ou ben baleirando dende o ceo un cántaro de auga. Nalgunhas versións era considerada a avoa do Sol e a Lúa e dicíase que o arco da vella era o seu tocado.

Deusa Ixchel / ©2004 Thalia Took

A Vella celta

Os celtas adoraron á deusa Cailleach (“muller que leva velo”), unha anciá de pel gris-azulada, con un só ollo e vestimenta escura. Dise que do seu mandil caían rochas ó camiñar que se convertían nos penedos da paisaxe, tamén que foi un longo paseo seu o que creou tódolos accidentes xeográficos. Era considerada a raíña do inverno, celebrando a súa chegada en Samhain –o noso tempo de Defuntos– e predicindo o clima segundo o seu comportamento. Co bo tempo, Cailleach transformábase en Brigit ou Bride, a deusa da luz e da primavera, inda que a forma en que isto acontecía non está moi clara.

Baba Yaga é unha personaxe recorrente nos contos rusos. Trátase dunha anciá (baba significa “avoa” ou “anciá”) cuxa casa sempre se atopa nun lugar limiar entre dous mundos. É unha figura ambivalente, pois á veces xoga o papel de bruxa do conto e outras é quen guía e aconsella ós protagonistas nese mundo do alén. Baba Yaga controla o paso do amencer ó atardecer e á noite, posúe as Augas da Vida e da Morte coas que pode restaurala saúde, e tamén unha ampla variedade de obxectos máxicos. Nalgúns relatos aparece acompañada da súa filla Marinka (Mariña, en galego).

Esta pequena escolma de exemplos deixa clara a existencia de deusas moi similares á nosa Vella por todo o mundo, sobre todo no que á súa faceta fiandeira e de muller anciá se refire, tamén en relación co clima e o sol. Sorprenden exemplos como o de Ixchel, por coincidir en tantos puntos coa nosa personaxe estando as dúas tan distantes e inaccesibles entre si. Non obstante, as que máis información nos han de aportar son aquelas que conservan características que non se manifestan na Vella. Se observamos, vemos que se repite con insistencia o papel destas deusas como protectoras dos mortos, guiándoos na súa viaxe polo Inframundo e protexéndoos dos perigos que alí atoparán. Tamén como dadoras da vida, propiciando os embarazos ou mesmo como creadoras directas dos cativos. ¿Compartía a Vella galega estas funcións? Haberá que estudalo detidamente, mais polo de pronto compre considerar esta hipótese.

Baba Yaga e Marinka / Vania Zouravliov

A Vella e a primavera

Reitérase tamén ó feito de ter unha filla ás veces, personaxe oposta outras, que a substitúe coa chegada do bo tempo. Isto entronca perfectamente co parto da Vella no Entroido, dando a luz a unha cativa que estará en toda a súa plenitude coa chegada da primavera. Outro dato interesante é a relación destas personaxes coa medicina e os feitizos, dúas cousas que no seu tempo foron unha soa e que estaban baixo o dominio da meiga, muller sabia e xeralmente entrada en anos que se ocupaba de restaurala saúde e espantalo mal.

Faise difícil dar unha explicación á existencia do arquetipo da vella fiandeira e controladora do clima en todo o mundo. ¿Trátase acaso da deusa dunha relixión primitiva, anterior ó espallamento do ser humano polo mundo? ¿Responde a un esquema mental común que fixo que multitude de culturas imaxinasen á mesma personaxe? ¿Ou a súa existencia en lugares tan afastados é froito dos intercambios culturais propiciados polo comercio e a exploración de novos lugares?

Sexa cal sexa a resposta correcta, os galegos somos un dos afortunados pobos que conservou a súa memoria, a dunha deusa ancestral á que nalgún tempo veneramos, á que rezamos pedindo pola climatoloxía e, quizás, á que nos encomendamos no momento da morte.

Escrito por

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...