fbpx
Imaxe dos limos atopados no areal / foto de Miguel San Claudio Facebook

Expertos sitúan os restos fósiles de cabo Udra entre o 4700 e 4400 a.C e descartan que foran dun barco romano

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado domingo chegaban ó areal da Mourisca, no Cabo Udra, restos fósiles de leito mariño arrastrados polo temporal. Veciños e expertos, así como medios de comunicación locais facíanse eco do singular acontecemento. O caso é que os restos contiñan claramente anacos de madeira fosilizada o que deu lugar a unha singular especulación sobre a súa procedencia. Restos dos incendios de outono, fósiles mariños ou restos dunha antiga embarcación romana achada na década de 1990 preto do lugar, foron as teorías que planearon sobre o achado por parte dalgúns medios.

Máis os expertos aseguraban, algúns deles a través das redes sociais, que os restos foran datados de entre o 4700 o 4400 a.C., o que, de certo, descartaría máis dunha teoría. Estaba claro que non serían cinzas solidificadas dos incendios. A pregunta radicaba daquela se era posible que foran do navío romano afundido nas inmediacións, xa que a cronoloxía claramente deixaría fora a época romana, ou que a datación do barco fora moi anterior o que tamén, de ser certo, traería moitas incógnitas. Tamén se comentaba o posible adulteramento das probas do Carbono 14 polas resinas que se lle aplicaban na Antigüidade á madeira, ou, que de ser un navío, se puidera estar feito con madeira moi anterior. Pero o que practicamente todo parecía apuntar e que, sinxelamente, non pertenceran a este.

De feito, foi na mañá de este xoves cando, segundo recolleu de novo Faro de Vigo, arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio se achegaron ó lugar para comprobar a procedencia dos restos. Segundo eles se trataría de fósiles vexetais aloxados no leito que formarían parte do chan ou paleosuelo que conformaría o fondo dunha lagoa prehistórica e que ocuparía o actual fondo da ría. Esta idea, agora si, podería corresponderse claramente coa datación de entre o 4775 e 4477 a.C. e descartar finalmente as restantes teorías sobre o achado. Resta saber agora que hai de certo sobre a embarcación romana achada na ría e por que as administracións non foron quen de catalogala.

Temporal na costa galega / foto xuuxuuCC0

Pode que che interese...