Vía estreita / kurtdeinerCC0

O Feve, un medio para facer sendeirismo e turismo patrimonial

O Feve esmorece pouco a pouco en Galicia. Mentres en lugares como Asturias este tren de vía estreita, deseñado para poder percorrer sen problemas a complexa orografía da Cornixa Cantábrica, trata de reinventarse con proxectos coma o do metrotren, en Galicia, máis alá do tren turístico entre Ferrol e Bilbao, o camiño de ferro quedou como un medio desfasado e a piques da desaparición. O Feve, como pode comprobarse con so montarse nel, é un medio en decadencia e que sobrevive a duras penas. Mais o trazado do Feve, a diferencia dos trens de ancho ibérico, presenta bastantes peculiaridades. Este medio de transporte que foi esencial en tempos para a comunicación das terras comprendidas entre Ferrol e a Mariña e que pasa por lugares tan espectaculares coma a praia das Catedrais, presenta un trazado que para moitos está cargado de oportunidades.

Paseo Mensual da Agrupacion Francisco Lanza / Concello de Ribadeo

Así, un dos usos potenciais do Feve é o de medio de transporte de apoio en roteiros de sendeirismo. Este tren de trazado sinuoso, non pasa so polas principais vilas e cidades do cantábrico, senón que, ademais, ten parada en espazos naturais ou rurais en ocasións de difícil acceso para outros transportes públicos. É o caso por exemplo do paseo mensual que organiza a Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo. O pasado 3 de marzo a agrupación facía un percorrido polos areais de Barreiros, que empregaba, como xa fixo en outras ocasións o Feve como apoio dos seus percorridos. Así, aproveitábase para facer un roteiro polo mar coincidindo coa baixada da marea e despois seguir polo Masma ata Viladaíde, percorrendo un total de once quilómetros e dous máis para retornar no Feve.

Feve, ou Ferrocarrís Españois de Vía Estreita (FEVE) foi un operador ferroviario español fundado no ano 1965. Foi un conxunto de empresas ferroviarias nacionalizadas durante o Franquismo que tiñan como peculiaridade o uso dun ancho métrico para os seus raís. Baixo a empresa FEVE (hoxe Feve) unificáronse unha serie de liñas construídas dende o século XIX, a maioría, aínda que non todas, na Cornixa Cantábrica, entre Ferrol, Bilbao e León. Como empresa pública, o 31 de decembro de 2012 pasaría a integrarse dentro de Renfe e Adif, mantendo porén os seus sinais de identidade. En Galicia comprende as Liñas Ferrol-Ortigueira-Ribadeo.

 

 

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: