Museo Carlos Maside, en Sada / xunta.gal

Por fin o abandonado museo de pintura contemporánea que deseñaron Díaz Pardo e Seone en Sada será BIC

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou os estudos previos necesarios para proceder á incoación da declaración como ben de interese cultural (BIC) do Museo Carlos Maside, situado no complexo industrial de Cerámicas do Castro, en Sada. Unha decisión que chega logo das protestas do concello de Sada (onde se ubica o edificio) e de diferentes colectivos patrimoniais polo estado de abandono no que se atopa, tal e como xa publicou Historia de Galicia.

Esta decisión supón un paso máis na protección dun inmoble que, concibido polos intelectuais galeguistas Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo en 1970, alberga no seu interior importantes obras de autores como Castelao, Laxeiro ou Lugrís.

A pesar da importancia do patrimonio que garda, o museo permaneceu pechado ao público varios anos e co seu contido en risco de degradarse até a súa reapertura a finais de 2017. Precisamente, para mellorar a situación que atravesaba este inmoble, o Concello de Sada aprobou en decembro de 2015 solicitar á Xunta a declaración como BIC das complexo Cerámicas do Castro, unha figura de protección que incluiría, ademais da propia fábrica, ao Museo Carlos Maside, ao Laboratorio de Formas de Galicia e o taller do intelectual Isaac Díaz Pardo, incluíndo as coleccións e bibliotecas neles contidos.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural procederá a valorar a situación actual do contido do museo e analizará as necesidades arquitectónicas e de conservación do edificio a través de visitas técnicas. Posteriormente, unha vez conseguidos os informes, procederán a convocar unha reunión coas partes implicadas para avanzar no desenvolvemento do proxecto, precisou o Consistorio.

Unha das obras do Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside / xunta.gal

Grandes artistas

O Museo Carlos Maside viu a luz sete anos despois de que en 1963 Cerámicas do Castro e o Laboratorio de Formas –entidades que posúen cada unha o 50% da propiedade– asinasen un convenio para a súa creación xunto a Edicións do Castro e outras institucións pensadas para traballar na recuperación da memoria histórica de Galicia e vinculadas ao fundador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo.

Na súa colección permanente exhíbense obras de figuras como Francisco Llorens, Castelao, Francisco Asorey, Xosé Frau, Maside, Bonome, Laxeiro, Arturo Souto, Fernández Mazas, Cabreiro, Huici, Citino e Maruja Mallo, Lugrís, Seoane, Colombo, Eugenio Granell e o escultor Antonio López, entre outros.

Pero a singularidade do Maside non reside só no seu contido. Así, o edificio, proxectado por Andrés Fernández-Albalat, componse de varios volumes de forma hexagonal e diferentes alturas que, unidos, forman un orixinal conxunto. Ademais, cada unha consta dunha cubrición piramidal e os lados de cada figura están pintados cun gran colorido.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: