fbpx
Faximil dunn manuscrito con notación medieval / arcaionCC0

O galego medieval universalizase cunhas Cantigas de Martín Códax traducidas a 55 linguas

Tempo de lectura: 2 min.

Ruso, alemán, maorí, guaraní, croata, leonés, tamazigh, emkhwa, zoque-popoluca… e así ata 55 idiomas diferentes foron traducidas as sete cantigas de amigo escritas por Martín Códax no século XIII e conservadas no famoso Pergamiño Vindel. As traducións están recollidas nun libro editado pola Universidade de Vigo e presentado o pasado venres, e coordinado polo profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Xosé Henrique Costas. Con el colaboraron ata 70 persoas de todos os recunchos do mundo, convertendo con este volume a Martín Códax no autor en galego traducido a máis idiomas.

Pergamiño Vindel, obra de Martín Códax / DUVI

O libro enmárcase dentro dos diferentes actos desenvolvidos para conmemorar a viaxe do Pergamiño Vindel de Nova Ioque a Vigo para ser exposto no Museo do Mar de Vigo. Así, como se recolle na web da UVIGO, o obxectivo é crear un dos textos máis “galegamente universais”. A tradución inclúe a case todas as linguas románicas e xermánicas, e, ademais das linguas máis faladas do mundo, tamén moitas outras menos comúns pero igualmente importantes para o docente, dando así “unha mostra da riqueza e pluralidade lingüística”, nas súas propias palabras. Porque “o mundo é máis ca inglés” e “todas son iguais de importantes para o equilibrio global”.

Docentes de lingua e literatura de varias universidades, profesionais da tradución, escritores, ou simplemente falantes participaron de balde na tradución da obra completa do trobador. Amigos, coñecidos ou, simplemente, persoas que de xeito solidario quixeron por o seu grao de area, incluíndo un tradutor desaparecido tras ser preso polo réxime turco, conseguiron elevar o proxecto ata os 55 idiomas, facendo deste libro un dos máis universais que viu a lingua galega. O proxecto é polo de agora o cumio dunha traxectoria de traducións con vocación universal que a universidade de Vigo leva desenvolvendo dende fai tempo, con traducións coma a de varios poemas de Cunqueiro ou Ferrín, entre moitas outras. Porén a de Codax poderá presumir por moito tempo de ser a obra completa dun autor galego traducido a tal cantidade de linguas.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...