Cruz celta / usatoday

Ritos protectores da Semana Santa na cultura galega

Por Rafael Quintía Pereira (antropólogo)

Como acontece coas festas importantes do ciclo do ano, a Semana Santa tamén está impregnada de vellas ritualidades protectoras, favorecedoras e esconxuradoras nas que se mestura a tradición cristiá con crenzas precristiás, e onde o valor simbólico das augas e de determinadas plantas cobra especial protagonismo.

Son ritos valedores, mecanismos culturais protectores propios e necesarios en toda sociedade agraria na que a subsistencia da xente dependía de moitos factores non controlables pola man humana, como podían ser o tempo meteorolóxico, a fertilidade dos campos e do gando, as enfermidades ou as pragas que podían estragar as colleitas das que dependía a economía doméstica desta terra ata ben entrado o pasado século XX.

A Semana Santa é unha das festas máis importantes do calendario cristián e nela conmemóranse tres feitos fundamentais da vida de Xesús Cristo: a súa entrada en Xerusalén, a súa morte na cruz e a súa resurrección.

A data de celebración da Semana Santa depende do calendario lunar, porque non ten unha data prefixada no calendario senón que cada ano pode mudar, aínda que sempre cae na primavera, nunca antes do 22 de marzo e nunca despois do 25 de abril. Deste xeito fíxase a Pascua de Resurrección no domingo inmediatamente posterior á primeira Lúa chea tralo equinoccio de marzo e débese calcular empregando a Lúa chea astronómica.

O ciclo da Semana Santa abrangue as datas comprendidas entre o Domingo de Ramos e o Domingo de Pascua, sendo as festividades deste ciclo as seguintes: Domingo de Ramos, Luns santo, Martes Santo, Mércores Santo, Xoves Santo, Venres Santo, Sábado de Gloria, Domingo de Resurrección (Domingo de Pascua) e Luns de Pascua.

Deste ciclo hai tres datas de maior importancia e que son as que constitúen o denominado Triduo pascual. Estas datas son: Xoves Santo —que conmemora a Última Cea—  e Venres Santo, nas que se conmemora a morte de Cristo; Sábado Santo, na que se conmemora a Cristo no sepulcro, e Domingo de Pascua, no que se conmemora a Resurrección.

No Domingo de Ramos conmemórase a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén e dá comezo á Semana Santa que remata o Domingo de Resurrección. Durante todo este tempo a figura de Cristo permanecía tapada na igrexa ata o domingo que resucitaba.

Durante este período da Semana Santa, na cultura galega, realízanse tres ritos fundamentais relacionados coa protección e que teñen a súa expresión na práctica profiláctica das candeas de Xoves Santo, do ramo do Domingo de Ramos e da auga bieita do Sábado de Gloria.

Velas do Xoves Santo:

A vela do Xoves Santo é unha vela que se acende na igrexa o día de Xoves Santo e que despois, unha vez bendicida,  se leva para casa o Sábado de Gloria para ser gardada como un amuleto valedor contra as tormentas. Colócase acesa na fiestra cando ameaza trono. Estas velas antigamente gardábanse tamén para iluminar o viático.

Velas do Xoves Santo

O Ramo do Domingo de Ramos:

O Ramo do Domingo de Ramos pode estar composto polas seguintes plantas, variando a súa composición segundo os lugares: loureiro, oliveira, mirra, ruda, romeu, malva rosa, freixo e acivro. Este ramo, no que sempre está presente polo menos a oliveira e o loureiro, bendícese na misa parroquial do Domingo de Ramos e gárdase como un poderoso amuleto para empregar con fins protectores. O ramo do Domingo de Ramos úsase para queimar nos días de tormenta e así ficar protexido. Coa oliveira deste ramo bendícese a extrema unción. O loureiro queimábase, con fin protectores cando había tormenta. Cunha poliña do ramo do Domingo de Ramos mollada en auga bendita do Sábado Santo bendícese nesas datas a casa para deixala protexida de todo mal. Segundo o etnógrafo Antonio Fraguas , os días seguintes á Pascua de Resurrección as xentes percorrían as fincas facendo nelas asperxes con auga bendita e un ramalliño de oliveira do Domingo de Ramos. Ao mesmo tempo que esparexen a auga en todas direccións din:

Sapos e ratos,

bruxas e meigas,

fóra das miñas veigas.

   Tamén se usaba nalgúns lugares de Galicia para facer o Maio. En zonas como Mesía con este ramo fanse pequenas cruces o día da Santa Cruz —en maio— póñense espetadas na terra nas fincas para protexer as colleitas.

 

Cruceciñas de madeira que se fan o Día da Cruz de Maio coas poliñas de loureiro ou oliveira bendita dos ramos do Domingo de Ramos

Tamén é habitual plantar no medio das leiras a traballar o ramo de loureiro que polo Domingo de Ramos se leva á igrexa a bendicir, xa que este loureiro de Domingo de Ramos ten propiedades especiais pois esconxura a tormenta e outorga fertilidade e protección á terra.

Igual que acontece co loureiro do ramo do Domingo de ramos, a oliveira que forma parte deste ramo, do que se fai o Luns de Pascua ou a oliveira benta do día San Pedro Mártir ten propiedades extraordinarias.

Oliveira bendita

O ramo do Domingo de Ramos gárdase tamén baixo o colchón  ou colgábase nas adegas para consérvalo e úsalo cando fose necesario. Ademais de contra as tormentas, o ramo do Domingo de Ramos protexen contra as enfermidades,  o mal de ollo e os malos espíritos.

Ramo do Domingo de Ramos

 

Ramo de San Cibrán:

No santuario de San Cibrán de Tomeza (Pontevedra) bendicen o Luns de Pascua os chamados Ramos de San Cibrán. Estes ramos están compostos por herba Luísa, ruda, romeu, malva rosa, oliveira e loureiro. O ramo de San Cibrán, unha vez bendicido na misa, lévase para casa para protexer contra o mal de ollo e o meigallo. Segundo a información que puiden recoller nesta parroquia, o ramo ten que ter sempre ruda e oliveira, senón non quita o mal de ollo nin serve contra o meigallo. Cólgase na porta da casa para que non entren as bruxas. Se había tormenta queimábase a oliveira do ramo.

Ramos de San Cibrán / LVG

Palma da Pascua:

A palma bendicida do Domingo de Ramos gárdase en casa como amuleto protector. Esta palma ou a póla de oliveira bendita era colocada no balcón da casa como amuleto de protección ao igual que se facía con outros ramos con virtudes protectoras contra as enfermidades, tormentas e malos espíritos. Na Idade Media utilizábanse as palmas como amuleto contra as tormentas e a sarabia, xa que pensaban que os mártires que as levaban e que estaban no ceo retirarían as nubes que traían a tormenta.

Celebración do Domingo de Ramos

Auga bieita do Sábado de Gloria:   

No Sábado de Gloria vaise á igrexa a coller auga bendita que se leva para a casa para bendicila. A auga bendita do día de Sábado Santo é especialmente poderosa para arremedar o demo e para curar o aire, o mal de ollo e outras doenzas do corpo e do espírito. Así o recolle o seguinte ensalmo:

Mal de ollo vaite de aquí

Que a auga do Sábado Santo

Vai detrás de ti.

Esta auga sacra emprégase para bendicir a casa, o leito, os campos, os froitos e os animais domésticos. Nalgunhas zonas do país púñanse no cumio do tellado da casa botellas con auga bendita do Sábado Santo. Estas botellas apotropaicas protexen a casa da acción maligna do raio.

Pía con auga bendita

Xa que logo, chegado este tempo de xaxún, abstinencia e recollemento para os cristiáns, sexan vostedes practicantes, crentes ou non, vendo como están as cousas e a tormenta que se aveciña, nunca está e máis coñecer algún rito protector por se algún día hai que botar man deles.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: