fbpx
Santa Cristina de Ribas de Sil / Íñigo M. Riobó

Santa Cristina de Ribas de Sil, un dos grandes mosteiros de Galicia que volve renacer

Tempo de lectura: 3 min.

Santa Cristina de Ribas de Sil é un dos grandes atractivos monumentais da Ribeira Sacra. Parece ser que a Xunta asumiu nos últimos tempos a importancia deste enclave para a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e o pasado luns 26 de febreiro presentou no mosteiro, no concello de Parada do Sil, a futura intervención para a renovación do mesmo. A inversión será de 255.529,72 € co obxectivo de mellorar a accesibilidade, ademais de diversas actuacións de reparación e consolidación. A presentación do proxecto estivo representado polo Conselleiro de Cultura e educación, Román Rodríguez, o director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e a Directora Xeral de Patrimonio, Carmen Martínez.

Santa Cristina de Ribas de Sil / Íñigo M. Riobó

A licitación se publicou o pasado 14 de febreiro no Diario Oficial de Galicia. Ten como obxectivo reparar e actualizar os desperfectos que o paso do tempo produciu na consolidación ou rehabilitación levada a cabo no ano 1990. Preténdese resolver as patoloxías máis importantes do conxunto, mellorar as condicións de seguridade dos percorridos turísticos así como desenvolver diversas obras de reparación e substitución na cuberta actual. Reordenaranse os chanzos da escaleira de baixada o mosteiro dende o aparcadoiro, remodelarase a rampla para facela accesible a persoas de mobilidade reducida e faranse reparacións puntuais no forxado de madeira e nas varandas da galería interior. Por último procederase ó cambio do altar da igrexa por outro de menores dimensións.

Con estas obras o que se pretende, e así o expresaba o Conselleiro, é impulsar que a Ribeira Sacra estea nas mellores condicións para que poida ser recoñecida pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade. Para isto vai uns meses a Xunta iniciou un proceso de incoación como Ben de Interese Cultural desta paisaxe cultural de Galicia, como paso previo necesario para obter o recoñecemento da institución. Santa Cristina de Ribas de Sil foi incluído como ben vinculado dentro do seu expediente, e as obras pretenden ser un novo paso para o lanzamento do BIC. Mais, tal e como comentou o Conselleiro, esta intervencións servirá tamén a facilitar o acceso ós visitantes de Santa Cristina. no corazón da Ribeira Sacra.

Santa Cristina de Ribas de Sil / Íñigo M. Riobó

 

Un dos grandes mosteiros do Sil

O mosteiro atópase no souto de Merilán, na anta sur do monte Varona, no lugar do Castro, parroquia de Caxide. É Ben de Interese Cultural dende 2009 coa categoría de monumento. As primeiras mencións están documentadas cara a finais do século X e, aínda que nada se conserva do edificio prerrománico precedente, todo apunta a que, do mesmo xeito que outros mosteiros desta zona, foran fundado por un ermida sendo transformado posteriormente en cenobio e logo en mosteiro. Como outros, na Baixa Idade Media adoptou a regra de San Bieito chegando ó seu esplendor no século XIV, cun amplo dominio sobre as terras do canón do Sil. Coa chegada dos Reis Católicos, en 1508, pasou a ser priorato de Santo Estevo.

En 1835 sufriu a desamortización acabando en ruínas co tempo. Do mosteiro orixinal conservase a igrexa e diversas dependencias ó redor dun impresionante claustro do que, desgraciadamente, so se conservan dous panos. A igrexa, pese a ser dunha única nave é un dos grandes expoñentes do románico galego de transición, de entre os séculos XII e XIII, especialmente no tocante a súa rica decoración escultórica. Conserva tamén ricas pinturas murais do século XVI e varios retablos barrocos con figuras manieristas. O mosteiro sufriu unha maxistral consolidación ou rehabilitación en 1990 polo arquitecto Celestino García Braña, unha das mellores feitas en Galicia.

Santa Cristina de Ribas de Sil / Íñigo M. Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...