fbpx
Santalla ou Santa Eulalia de Bóveda / Xunta.gal

Santalla de Bóveda, un santuario único en todo o Imperio Romano que algúns asocian a Prisciliano

Tempo de lectura: 2 min.

Situado na parroquia de Santalla de Bóveda de Mera, a uns 14 quilómetros de Lugo, o templo romano de Santalla de Bóveda (tamén coñecido como Santa Eulalia de Bóveda na súa versión en castelán) é un santuario tardorromano datado entre os séculos II e IV. Actualmente está semisoterrado a carón da actual igrexa de Santalla, pero crese que foi un centro relixioso importante na época romana, precisamente, pola decoración atopada no seu interior.

Foi descuberto en 1926 e os arqueólogos non souberon dar ata agora unha explicación segura da súa orixe e finalidade. De feito, hai quen vincula este lugar a Prisciliano, aínda que, polo momento, non hai ningunha evidencia arqueolóxica deste feito.

O que si se sabe é que, nunha orixe, foi un templo pagán, con diferentes teorías sobre a súa finalidade, cristianizado séculos máis tarde. Está considerado un unicum, ó non existir ningún outro edificio das mesmas características en todo o territorio ocupado polo Imperio Romano.

Xornadas

E, precisamente, para destacar a súa importancia, a Deputación de Lugo celebrou unhas xornadas científicas sobre o monumento, unha nova iniciativa coa que se tenta promover o estudo do patrimonio da provincial. Participaron expertos, arqueólogos e investigadores de primeiro nivel que realizarán unha reflexión sobre o pasado e o presente deste templo relixioso, especialmente, no relativo as súas pinturas. Os participantes tamén realizaron unha visita guiada a este conxunto.

De feito, as pinturas da bóveda son un dos elementos máis característicos do templo e constitúen un conxunto mural único na península. Representan diversas aves encadradas nun fondo cuadriculado con motivos vexetais estilizados. Entre a aves representadas están faisáns, perdices, pombas, galos e gansos, nalgún caso comendo piñas ou acios de uvas.

Ademais, o Refectorio do Museo Provincial acolle nestes intres a mostra A pintura mural de Santa Eulalia de Bóveda, composta polas 6 acuarelas realizadas por Elías de Segura en 1927, e que o Goberno da Deputación trouxo por 1ª vez a Lugo 91 anos despois da súa creación.

Interior do templo romano de Santalla de Boveda / galipedia

Críticas ao PP

Precisamente a Xunta abriu este monumento declarado BIC, a mesma semana que se inaugurou esta mostra, e agora mesmo só pode visitarse en horario de mañá. Esta mesma semana o Pleno Provincial debateu unha moción socialista, co fin de poñer en valor este monumento, pero o PP votou en contra, a pesar de que unha iniciativa semellante xa fora debatida e aprobada no Parlamento de Galicia por todos os grupos da Cámara, incluído o PP.

“Todo o que Partido Popular rexeitou no Pleno Provincial é precisamente o que estamos facendo hoxe aquí, estamos promocionando e divulgando o monumento de Santa Eulalia para que a xente teña a oportunidade de recoñecer este singular edificio”, sinalou o presidente provincial, Darío Campo na inauguración da xornada.

Pode que che interese...