fbpx
Castro das Barreiras en Vimianzo / foto turismovimianzo.com

Unha nova vida para o castro de Barreiras, un dos máis enigmáticos e sorprendentes da Costa da Morte

Tempo de lectura: 4 min.

Un dos máis estraños exemplos castrexos da Costa da Morte está en Vimianzo. O Castro de Barreiras, literalmente ó pé da AC-552, a estrada que vai a Fisterra, ten a rara particularidade de ser un dos poucos castros de Galicia que se localiza practicamente en fondo de val, nunha zona practicamente chaira. Se ben nos castros é habitual unha posición defensiva privilexiada, o castro de Barreiras se atopa en chan, no fondo do val de Vimianzo, apenas a medio quilómetro do centro da vila, posuíndo porén unha monumental muralla. O castro convive coas vivendas da vila, co ensanche da localidade, e se ergue monumentalmente ó pé da comarcal.

Mais este castro por moitos anos pasou desapercibido para os habitantes da Soneira e da Costa da Morte. Permaneceu cuberto de matogueiras ata ó longo da última década o Concello, coa colaboración da Deputación, comezou a facer por poñelo en valor. Primeiro foi o rozado e a eliminación da vexetación, co que o castro apareceu e se converteu nun monumento accesible, despois foi a colocación de carteis informativos. Por último, vai xa oito anos, a creación de catas arqueolóxicas para coñecer máis sobre el e para facilitar futuras intervencións.

Catas arqueolóxicas no castro de Barreiras / foto Concello de Vimianzo

Pois precisamente, o vindeiro día 2 de abril, estas escavacións chegarán por fin ó xacemento. Dentro do seu plan de recuperación do Patrimonio Cultural, orientado á poñer en valor a súa herdanza cultural e turística, o Concello de Vimianzo levará a cabo a escavación dunha parte deste recinto. Esta actuación, autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio, e financiada integramente con fondos propios do Concello, contará cun orzamento de 14.000€. Estará dirixida polo arqueólogo Tito Concheiro, que xa se fixera cargo das sondaxes acometidas xa no mesmo xacemento.

Nesta campaña escavarase un área de 14 x 8 metros, ó leste do recinto, moi preto da cara interior da muralla. Mais a actuación será tan so unha pequena parte do extenso castro, de máis de 4.000 metros cadrados. O obxectivo, segundo o Concello, será sacar á luz o conxunto de vivendas de planta circular descuberto nas sondaxes, así como promover a difusión e divulgación do singular monumento. O castro, ovalado en dirección norte-sur ten uns 110 m de longo e uns 65 de ancho e unha muralla que chegaría a acadar ata os 8 metros de alto. Estaría datado na II Idade do Ferro, entre os séculos II e I a.C.

Compromiso co patrimonio

Pero o Concello non se limitará tan so a escavación do castro. Para este é fundamental que se converta nunha peza activa do patrimonio material local. Por isto, dun xeito parello á escavación, o consistorio está a organizar un programa de difusión e divulgación orientado principalmente ós centros de ensino da zona. Promoveranse visitas activas a escavación, no que os mozos poderán achegarse á práctica arqueolóxica, xunto con obradoiros e outras actividades relacionadas co exercicio da arqueoloxía e a vida na Idade do Ferro.

Castelo de Vimianzo / vimianzo.gal

Vimianzo quere así seguir sendo un referente do patrimonio material da Costa da Morte, cun especial potencial que se concentra ó redor do centro urbano da propia vila. Se na primeira década do século a localidade achou importantes problemas urbanísticos coa construción dun polígono industrial e un centro de maiores, no entorno do castelo, cun importante impacto visual, na actualidade o consistorio está a inverter esta tendencia apostando polo seu patrimonio. E é que Vimianzo é unha das vilas privilexiadas de Galicia neste sentido, unha pequena vila de apenas 2.000 habitantes, posúe un patrimonio máis que senlleiro.

Se no ano 1991 a Deputación da Coruña compraba e rehabilitaba o monumental castelo e o convertía nunha exhibición permanente de artesanía en vivo, Vimianzo tamén conserva importantes monumentos, moitos dos cales están a ser postos en valor nos últimos anos. O pazo de Trasariz, sería un dos exemplos, apesares de estar en mans privadas é un dos máis pintorescos da Costa da Morte, e Vimianzo se atopa no corazón da ruta dos dolmens. Nos últimos anos ó patrimonio do centro da vila sumóuselle tamén a recuperación integral dun muíño, tanto no seu interior coa recuperación da maquinaria, coma no seu exterior, cos seus caneiros, regatos e entorno. Agora, coa nova intervención, sumaráselle tamén posta en valor dun dos castros que pola súa ubicación, e a falta de novas sorpresas, é xa un dos máis singulares de Galicia.

Anta de Caxadas, decuberta recentemente en en Vimianzo

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...